As treboadas deste sábado sáldanse con case un centenar de incidencias por toda Galicia

A caída dunha árbore sobre a vía provoca a interrupción da circulación de trens en Monforte de Lemos (Lugo)

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2019 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O 112 Galicia contabilizou un total de 93 incidencias relacionadas coa alerta de nivel laranxa por treboadas decretada durante a tarde deste sábado nas provincias de Ourense e Lugo e de nivel amarelo na Coruña e Pontevedra entre as 14,00 horas e as 20,00 horas.

Así, segundo a información dos servizos de emerxencias, non houbo que lamentar danos persoais. A maioría dos incidentes tiveron que ver coa retirada de árbores ou ramas das estradas.

Desta maneira, o 112 Galicia destacou a interrupción da circulación de trens en Monforte de Lemos debido á caída dunha árbore sobre a vía. Unha vez os operarios retiraron o vexetal, restableceuse a circulación férrea con normalidade.

Tamén unha forte sarabia provocou que varios condutores se refuxiasen no interior do túnel de Pedrafita, na A-6. Co fin de evitar riscos de accidente, aos poucos minutos o túnel quedou despexado. Ademais, en Allariz (Ourense), un condutor viuse sorprendido pola caída dunha peza de formigón da galería dunha vivenda encima do seu coche. Por fortuna, resultou ileso.

PROVINCIAS

Por provincias, a de Ourense foi a máis afectada, cun total de 49 incidencias contabilizadas; seguida de Lugo, con 26; Pontevedra, con 13, e A Coruña, con 4.

Na rexión ourensá, a capital resultou ser un dos concellos máis afectados, con ata 10 incidencias. Entre elas, o concelleiro de Infraestruturas da localidade, Miguel Caride, destacou nun comunicado un rebentón na rede de sumidoiros debido á presión da auga, que obrigou a cortar o acceso ao Pavillón dos Remedios, así como varias caídas de árbores, polo que a Policía Local recibiu ata 27 chamadas (sen contar as repetidas polos mesmos feitos).

Na mesma provincia, San Cristovo de Cea rexistrou seis incidentes, mentres que Manzaneda catro. En Lugo, a peor parte foi para o Concello de Chantada con oito sucesos e cinco para Monforte de Lemos. En Pontevedra, cinco rexistráronse en Lalín e tres en Dozón. Pola súa banda, na Coruña, os concellos implicados foron Cabana de Bergantiños, Carral e O Pino.

A chuvia chegou ao sur de Pontevedra, pero é moi débil
A chuvia chegou ao sur de Pontevedra, pero é moi débil

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta