Podemos Galicia critica que o PSOE queira "o 100%" do Goberno central con "só o 28% do poder lexislativo"

Gómez-Reino mostra a súa "perplexidade" ante as declaracións de Pedro Sánchez nas que tachou de "mascarada" a consulta de Podemos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, criticou que o Partido Socialista pretenda copar "o 100% do executivo" cando "só" conta co "28% do poder lexislativo".

O deputado de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino. EUROP PRESS
O deputado de En Marea no Congreso Antón Gómez-Reino. EUROP PRESS

Gómez-Reino mostrou a súa "perplexidade" polas declaracións na Cadena Ser do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, nas que cualificou de "mascarada" a consulta ás bases de Podemos sobre a investidura e deu por rotas as negociacións cos morados.

"Non hai máis mascarada que levar meses gobernando con 84 deputados grazas ao sentido de Estado, humildade e responsabilidade doutras forzas políticas", espetou o parlamentario, que tamén considera unha "mascarada" que o PSOE "se presente en campaña como progresista e despois faga o contrario" ou que "se presente como muro de contención do 'trifachito' e despois faga chamados ao PP e Ciudadanos" para que faciliten a investidura de Sánchez como presidente.

Tras afirmar que "a man" de Unidas Podemos "está tendida" para alcanzar un acordo, insistiu en que "a aritmética e a expresión" dos cidadáns nas eleccións do 28 de abril "foi clara", polo que afea ao PSOE que "co 28% do lexislativo queira ter o 100% do executivo".

"É inverosímil democraticamente", engadiu, para a continuación censurar que Pedro Sánchez "se inhiba da responsabilidade que lle outorgou o xefe de Estado" para a formación de goberno. "Estamos a esperar que se digne a convocar os equipos para a negociación integral do goberno", apostilou.

DEFENDE A CONSULTA ÁS BASES

O secretario xeral de Podemos Galicia defendeu a consulta ás bases organizada polo partido morado sobre a postura a tomar na investidura do candidato socialista, Pedro Sánchez, quen afirmou este luns que o proceso estaba "trucado" para "xustificar unha votación contraria".

Así, o deputado galego destacou que a consulta "é un exercicio democrático", á vez que afeou que "partidos que copiaron este tipo de formato" agora "critiquen que se faga".

Así mesmo, afirma que a consulta "ten toda a validez", aínda que o Grupo Confederal de Unidas Podemos non está exclusivamente formado polo partido morado, xa que tamén participan nel outras formacións como Esquerda Unida e as súas federacións ou Equo.

Neste sentido, Gómez-Reino apunta que o resto de organizacións conta cos seus órganos de decisión e participación "lexítimos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Lousanna

Deputado galego? XD Digámolo claramente, por ideoloxía (e castrapeiro) é un diputado gallego (como os do pp"dg" ou os do ps"dg") en Madrid. Se Galiza tivese deputados galegos no congreso sí serían deputados galegos. E ogallá se repitan as eleccións e Yoli e Tone perdan o escano. Se cadra así a xente que non votou a istes estafadores e vividores quedando na casa podería opinar e teríamos algún representante de Galiza alí.

1 Pero Llopo

Cando teñen razón hai que dárllela. Os do psoe son uns caraduras pero unhas novas eleccións van supoñer que goberne a dereita.