Expediente sancionador por unha vertedura no río Furelos que afectou parte da Rede Natura 2000

A Consellería de Medio Ambiente podería incoar un segundo expediente administrativo sancionador por unha infracción moi grave en materia de conservación da natureza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente vén de incoar un expediente sancionador pola vertedura rexistrada a semana pasada no río Furelos, ao seu paso polo Concello de Melide; onde se constatou a mortaldade de fauna ictícola.

Río Furelos
Río Furelos | Fonte: santiagoturismo.com

Medio Ambiente dirixiu solidariamente ao concello e á empresa un expediente sancionador pola comisión dunha infracción administrativa grave en materia de pesca fluvial, que pode ir desde os 3.001 euros ata os 30.000. Esta sanción será compatible coa esixencia dunha indemnización correspondente polos danos e perdas causadas.

Paralelamente, Medio Ambiente está a realizar os estudos técnicos necesarios para determinar a incoación dun segundo expediente administrativo sancionador por unha infracción moi grave en materia de conservación da natureza, xa que houbo danos sobre fauna e flora nun tramo de río que se atopa en Rede Natura 2000.

Neste caso, a sanción poderá ir desde os 60.000 euros ata os 300.000. E tamén se dirixirán á empresa láctea, que se atopa no polígono da Madanela, e ao Concello, que deberán asumir ao mesmo tempo a reparación do dano causado, é dicir, procederán á reposición do medio natural presentando un proxecto de restauración, que deberá contar coa aprobación do Servizo de Conservación provincial.

Finalmente, a Xunta adoptou a decisión de vedar á pesca o tramo de río afectado; polo que nos próximos días o Diario Oficial de Galicia publicará a orde pola que se establece a veda de pesca no río Furelos, co fin de recuperar as condicións de habitabilidade piscícola.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta