Temas: XACOBEO

Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 21: "É un evento único que outros matarían por ter"

Destaca a "boa relación" e a "experiencia" do Concello e lembra que "Galicia leva moitísimos anos investindo no Camiño".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2019 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

Aínda que a súa vinculación con esta celebración remóntase décadas, a Cecilia Pereira tocoulle agora capitanear o que será con toda probabilidade o maior evento cultural, turístico e social que afronte Galicia a medio prazo, o Xacobeo 21, un camiño "intenso" e no que recoñece que hai "presión", aínda que cun "horizonte moi ilusionante".

Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021
Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021 | Fonte: Europa Press

Esa presión de expectativas nace precisamente do feito de que este será o primeiro Ano Santo en máis dunha década, o período máis longo de separación entre citas xacobeas que dará paso, no entanto, a tres Xacobeos na seguinte, un camiño de promoción e aproveitamento para o que a Xunta puxo en marcha toda a maquinaria con Cecilia Pereira á fronte.

E é que a comisaria do Xacobeo 21 é unha apaixonada desta cita, segundo conta nunha entrevista concedida a Europa Press, na que resaltou en numerosas ocasións o carácter "único" e singular desta celebración, que excede non só a cidade de Santiago, meta do Camiño, se non Galicia e España, vertebrando Europa.

"É algo tan único, tan xenuíno, que necesitamos aproveitalo", destacou, pondo énfase na implicación de todos os galegos, que deben "sentirse orgullosos" deste "tesouro": "Temos que crérnolo. É un evento único que outros matarían por ter", sentenciou.

IMPLICACIÓN SOCIAL

Para o próximo Xacobeo 21, a Xunta proponse unir forzas con todos os axentes implicados e facer partícipe tamén a poboación, para que non se limiten a "ser espectadores" do que programa a Administración.

"A celebración é de todos os galegos, pero non só, tamén de todos os territorios que de calquera forma están relacionados co Camiño, que nos sitúa en Europa", lembra Cecilia Pereira, que aposta "non só por programar", se non por "crear cidadanía": "Levalos da man e dicirlle 'ti tamén achegas'".

Para a comisaria, esta "implicación" e participación era algo que "demandaba" a propia sociedade, como se pode comprobar coa alta participación de iniciativas como 'O Teu Xacobeo'. "Ao final, cando pos en funcionamento algo, cando activas cousas, a xente engánchase e implícase, vas vendo que teñen ganas", apuntou Pereira.

En todo caso, a responsable da celebración destacou a importancia de "sumar" apoios para esta cita. "Non podemos camiñar sós, ten que ser un Xacobeo de todos".

O "AUXE DO CAMIÑO"

O Xacobeo 21 será, segundo as previsións da Xunta, máis longo en celebracións que os seus predecesores, e tenderá "pontes" coas seguintes citas.

No entanto, Cecilia Pereira non vinculou a magnitude desta celebración só ao impás entre Anos Santos, se non tamén ao propio "auxe do Camiño", que creceu "moitísimo" nos últimos anos, tanto en rutas e quilómetros certificados como en peregrinos. "O Camiño creceu moito neste período e serviu para configurar a Galicia de hoxe en día", sentenciou.

Para iso, ratificou, "Galicia leva moitísimos anos investindo no Camiño", nas súas infraestruturas, nos seus servizos e na súa promoción. "O que se ve agora é o resultado de 25 anos investindo no Camiño", dixo a comisaria, que confía en que, a pesar da extensión, toda a rede xacobea estea lista de cara ao 2021.

UN "ESCAPARATE" PARA COLOCAR GALICIA NO MUNDO

Para Cecilia Pereira, o Xacobeo é e será un "escaparate" que coloca Galicia no mundo, polo que unha das liñas de traballo actuais pasa por difundir esta marca a nivel internacional e participar da "diplomacia cultural" que pasa por "fomentar unha imaxe de marca" vinculada coa cita.

Para iso, e para estender a repercusión nos seguintes Anos Santos, a Xunta confía na "boa estrutura" e a "arquitectura de coordinación" que se logrou construír para o Xacobeo 21. Entre outras cousas, Cecilia Pereira eloxiou a "boa relación" co Concello de Santiago, baixo o mando do socialista Xosé Sánchez Bugallo tras as eleccións municipais e do que destacou que ten "moita experiencia xestionando xacobeos". Do mesmo xeito, puxo en valor a relevancia da Igrexa. "Espero que siga esa vertebración e tamén a participación cidadá", explicou.

Temas: XACOBEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Pitito

Un evento Unico na historia da Galiza: o terceiromundismo predicado por Fraga camdo era Ministro de Informacion e turismo de Franco feito realidade. Parabens

1 Andesimón

"El Camino", a maior estafa ós galegos e a Galiza dunha Xunta vendida á España do Santiago "matamoros" e á Igrexa antigalega. Fume, despilfarro, proselitismo nacionalcatólico. O invento do Iribarne, Portomeñe e Beccaria (OPUS...). Boicot.