A Xunta incorpora 70 desfibriladores en albergues públicos para facer o Camiño "máis seguro"

Á instalación dos DESA nos albergues sumarase a formación do persoal que traballa neles, de forma que estes aparellos poderán ser utilizados polos empregados que dispoñan de coñecementos para o seu uso e de primeiros auxilios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/07/2019 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia incorporará desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos para converter o Camiño de Santiago nun espazo "máis seguro" e "cardioprotexido".

Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron este martes un acordo de colaboración entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a Axencia Turismo de Galicia para a instalación de DESA e a formación do persoal dos albergues públicos. Ao acto, levado a cabo na Oficina de Acollida ao Peregrino en Santiago, tamén asistiu o director de Urxencias Sanitarias de Galicia, José Flores Arias.

"Imos dotar aos albergues da tecnoloxía necesaria para lograr que no hipotético caso de que haxa un problema cardiovascular poida haber as ferramentas e a formación necesaria por parte dos profesionais dos albergues para dar unha resposta rápida e impedir que a cuestión vaia a máis", destacou este martes o conselleiro de Cultura.

Segundo sinalaron, a conversión do Camiño de Santiago nun espazo cardioprotexido "constitúe unha iniciativa pioneira en todo o territorio nacional" e consegue implementar as recomendacións das principais sociedades científicas, que certifican que a aplicación temperá dos DESA constitúe unha das estratexias "máis efectivas" para mellorar o prognóstico de morte súbita.

Con esta iniciativa incrementarase o número de DESA situados en espazos públicos que poden ser utilizados por aqueles que asisten nun primeiro momento a persoas que sofren un episodio cardíaco reversible tras a aplicación dun desfibrilador. Actualmente, Galicia conta con máis de 1.430 destes aparellos en espazos públicos.

FORMACIÓN

Á instalación dos DESA nos albergues sumarase a formación do persoal que traballa neles, de forma que estes aparellos poderán ser utilizados polos empregados que dispoñan de coñecementos para o seu uso e de primeiros auxilios.

"É fundamental que os traballadores dos albergues teñan esa formación e imos darlla en dous meses para que poidan usar os desfibriladores. Será impartida polo 061", subliñou o conselleiro de Sanidade.

Ademais, indicou que serán case 150 as persoas que recibirán dita formación, polo que a partir de setembro ou outubro os desfibriladores xa estarán nos albergues.

"As mortes cardiovasculares son as máis frecuentes na nosa sociedade, máis que as debidas a enfermidades oncolóxicas. Nestes casos, é moi importante unha actuación rápida e directa no lugar que ocorra", insistiu Vázquez Almuiña.

Pola súa banda, Flores Arias destacou a importancia de contribuír a facer Galicia "máis segura" e coa mirada tamén posta na previsión de recibir a chegada de miles de peregrinos no Xacobeo 2021.

Recreación dun ataque cardiovascular.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Recreación dun ataque cardiovascular.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Qumram

Venha cartos para o "Camino del Matamoros" mentres os PACs de Galiza nom tenhem nem para a tinta das impressoras...