A creación dunha “policía" da Xunta para o medio ambiente desconcerta a axentes forestais e medioambientas

Estes profesionais denuncian que a Xunta pretende duplicar as súas funcións para “enchufar” a un colectivo sen titulación como vixilantes de recursos naturais, desprezando o ciclo superior requerido agora.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/07/2019 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (APRAFOGA) denuncia que a Xunta pretende duplicar as funcións destes dous corpos e dos futuros axentes técnicos en xestión forestal “enchufando” na función pública un colectivo para o que non se require a titulación específica. Trátase do novo corpo, denominado Gardas de Recursos Naturais.

Manifestación de axentes forestais en Vigo que contou co apoio de bombeiros e brigadistas de todo o país
Manifestación de axentes forestais en Vigo que contou co apoio de bombeiros e brigadistas de todo o país | Fonte: Miguel Núñez

Nunha proposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para negociar coas entidades sindicais, o persoal laboral da categoría celador (009) podería efectuar tarefas como Vixilantes de Recursos Naturais (VRN) no seu proceso de funcionarización. Para iso, o goberno autonómico declara a extinguir dúas escalas para as que desde sempre se requeriu posuír unha titulación específica, na actualidade un ciclo superior e anteriormente un ciclo medio. 

Deste xeito, e segundo APRAFOGA, o executivo de Núñez Feijóo “permitiría entrar pola porta de atrás a un colectivo sen titulación específica, que desenvolvería tarefas de policía administrativa”. O novo corpo, denominado Gardas de Recursos Naturais no grupo C2, duplicaría as funcións dos actuais axentes forestais (grupo C2) e axentes facultativos medioambientais (grupo C1), así como dos futuros axentes técnicos en xestión forestal (grupo B).

APRAFOGA califica nun comunicado a pretensión da Xunta de “atropelo e insulto á xente que investiu o seu tempo vital preparándose para obter as titulacións de grao medio e superior para optar a unha praza de axente ambiental cando agora se quere crear un corpo descafeínado onde esas titulacións xa non valen para nada”.

A asociación defende que a opción máis lóxica e sensata sería que os actuais Vixilantes de Recursos Naturais poidan funcionarizarse como axentes facultativos medioambientais ou como axentes técnicos en xestión forestal, sempre que cumpran os requisitos de titulación específica e mediante o proceso selectivo correspondente. “Non se entende que se cree un novo corpo reducindo os requisitos para a súa cobertura e por riba se dupliquen as funcións dos actuais axentes ambientais”, aseguran desde APRAFOGA. 

Axentes forestais en folga, o pasado 25 de xullo. REMITIDA
Axentes forestais en folga, o pasado 25 de xullo. REMITIDA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta