A ex deputada do PSdeG María Xosé Porteiro, será designada o luns como adxunta da nova valedora

Este anuncio sae a luz despois dos votos a favor do seu partido para o nomeamento de María Dolores Fernández Galiño.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2019 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia fixou para o vindeiro luns, día 5 de agosto, a comisión de peticións na que se prevé designar á ex deputada do PSdeG María Xosé Porteiro como adxunta ao Valedor do Pobo, segundo informan a Europa Press fontes parlamentarias.

A tamén escritora e xornalista parte como proposta dos socialistas para ser o número dous da maxistrada María Dolores Fernández Galiño, quen precisamente este mércores foi designada de maneira oficial como valedora do Pobo.

Na votación, realizada nun pleno extraordinario da Cámara, contou con 51 apoios por parte de PPdeG e PSdeG, mentres que o resto de forzas --En Marea, BNG e Grupo Mixto-- optaron pola abstención criticando a falta de "consenso" e de "diálogo" na proposta de Fernández Galiño. Deste xeito, a comisión de peticións reunirase o vindeiro luns para designar a María Xosé Porteiro como adxunta da valedora, o que deberá contar co favor tamén do Grupo Popular.

ACORDO PP E PSDEG

Esta non é a primeira vez que PPdeG e PSdeG alcanzan un acordo para escoller ao titular do Valedor, posto que xa o fixeron en 2015 cando acordaron que a catedrática de Dereito Milagros Otero estivese á fronte desta institución.

Otero ostentou o cargo ata a pasada semana, case catro meses despois de que o Tribunal Supremo desestimase o seu recurso contra a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola designación do Valedor de María Puy, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do expresidente Manuel Fraga. Entón, vinculou a súa renuncia a que os grupos políticos acordasen un substituto tanto seu como do valedor adxunto, Pablo Cameselle, quen fora a proposta do PSdeG.

Hemiciclo do Parlamento de Galicia na votación de María Dolores Fernández Galiño como nova valedora do Pobo
Hemiciclo do Parlamento de Galicia na votación de María Dolores Fernández Galiño como nova valedora do Pobo | Fonte: PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta