Unanimidade parlamentaria para pedir un protocolo de atención a maiores que viven sós en Galicia

Solicitan un aumento dos orzamentos para o plan concertado "para garantir o servizo de axuda no fogar de forma que se garanta a cobertura en todo o territorio e o aumento do tempo de atención a cada persoa usuaria".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2019 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia pediu por unanimidade un protocolo "específico" de atención ás persoas maiores que viven soas "que coordine as actuacións de todos os servizos públicos e institucións implicadas na materia". O texto, iniciativa do grupo mixto, require contar "especialmente" cos servizos sociais comunitarios, no marco da estratexia galega de atención "a este fenómeno da soidade non desexada".

Ademais, reclama a extensión "de forma eficaz" do servizo de hospitalización a domicilio "de forma que se garanta a cobertura en todo o territorio, tamén no medio rural, coordinándose coa atención primaria". Solicita un aumento dos orzamentos para o plan concertado "para garantir o servizo de axuda no fogar de forma que se garanta a cobertura en todo o territorio e o aumento do tempo de atención a cada persoa usuaria".

Así mesmo, demanda "apoio técnico" para os concellos para a elaboración de protocolos sociosanitarios municipais de atención aos maiores que viven sós. Axilizar o estudo e censo de maiores que viven sós (algo acordado na Cámara xa o pasado 26 de xuño) e sensibilizar á cidadanía e formar aos profesionais sobre o illamento e as súas consecuencias son os dous últimos puntos que require.

DEBATE

Durante o debate, a deputada do grupo mixto Paula Vázquez Verao advertiu da necesidade de "máis fondos" para facer fronte á situación. Neste sentido, viu na proposición non de lei un impulso para "mellorar a situación xa no inmediato", sen que sexa preciso "esperar á estratexia galega". Pola súa banda, a nacionalista Monste Prado criticou que "a administración non pode ir tantos pasos por detrás" da realidade, nunha sociedade galega "tan envellecida" e con "cada vez máis xente maior con pouco contacto con familiares ou amizades".

Paula Quinteiro, do grupo Común dá Esquerda, coincidiu en que esta é unha "realidade que vai en aumento" e atribuíu esta alza ao "sistema capitalista", nun contexto no que as "políticas públicas non están a ser efectivas".

Mentres, a socialista Noela Branco censurou que, neste asunto, "Feijóo está en modo consellos vendo que para min non teño" e remarcou que a iniciativa do grupo mixto é "continuación" da do PSdeG que se aprobou en xuño. Por último interveu a popular Marta Rodríguez, quen lembrou que está en tramitación a lei de impulso demográfico e enumerou programas como o servizo de axuda ao fogar, o de 'Xantar na casa' e de teleasistencia, entre outros.

Hemiciclo do Parlamento de Galicia.. PARLAMENTO
Hemiciclo do Parlamento de Galicia.. PARLAMENTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta