Por Galicia Confidencial | A Coruña | 01/05/2012 | Actualizada ás 19:38
Unhas 30.000 persoas, segundo as organizacións sindicais, e 14.350, segundo a Policía Local, secundaron, na Coruña, a mobilización central convocada por UXT e CC.OO en Galicia con motivo da conmemoración do Día do Traballador para reivindicar "traballo digno e con dereitos" e en contra dos recortes aprobados polo Goberno.
Neste sentido, os secretarios xerais destes dous sidicatos volveron a atacar con dureza as medidas postas en marcha polo PP en Galicia e en Madrid por atacar as políticas sociais. Así, secretario xeral de UXT-Galicia, José Antonio Gómez, reclamou"un cambio definitivo de políticas" e recalcou que os axustes afondan "máis na pobreza e condenan á recesión".
"Se o Goberno non rectifica e non abre vías para a canle social, a mobilización vai ser permanente", advertiu, porque "o país necesita consensos sociais e políticos", engadiu. Ademais, cualificou de "dramático" o contexto actual e expresou "a solidariedade" cos desempregados e as familias "nas que non entra ningún ingreso".
"Desmantelar" o modelo social
Tamén o secretario xeral de CC.OO de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, acusou ao Goberno do PP de "querer aproveitar a crise para desmontar o modelo social". Aguión tachou tamén de "dramáticas" as cifras do paro, que atribuíu aos efectos da reforma laboral.
Neste sentideo, afirmou que estas políticas "desprezan" ás familias en paro "mentres que se dan agasallos como a amnistía fiscal" aos máis ricos. "Este non é o camiño", insistiu, para quen "hai alternativas para a maioría social", entre as que citou "unha reforma fiscal profunda para que paguen máis os que máis teñen".
Pachi Vázquez
A manifestación contou coa presenza de representantes políticos, entre eles o secretario xeral do PSdeG, Manuel Pachi Vázquez, e o presidente provincial do PSOE coruñés, Francisco Caamaño, ademais de alcaldes da área metropolitana da Coruña como o rexedor de Oleiros, Angel García Seoane, de Alternativa dos Veciños.
A protesta transcorreu sen incidentes e con continuas proclamas contra o Goberno. "Onde están, que non se ven, os empregos do PP?" foi un das lemas máis coreados durante a manifestación, que concluíu coa lectura dun comunicado con críticas aos recortes do Goberno e aos Orzamentos Xerais do Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.