O ministro Marlaska di que a Policía non imputou delito a deputados galegos nin fixo "informe ad hoc" da protesta de Alcoa

"Parécenos que este caso novo de policía política, de reactivación das cloacas do Estado, é un ataque ao sistema democrático inaceptable", din desde Unidas Podemos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 20/09/2019 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

O ministro do Interior en funcións, Fernando Grande-Marlaska, remitiuse á xuíz de Madrid que imputou por un delito de atentado á autoridade a tres deputados de Unidas Podemos polos incidentes nunha manifestación preto do Congreso de traballadores da empresa Alcoa, subliñando que os axentes da Policía Nacional non realizaron "un informe ad hoc" nin imputaron ningún delito nas súas actuacións remitidas á autoridade xudicial.

O ministro do Interior Fernando Grande-Marlask
O ministro do Interior Fernando Grande-Marlask | Fonte: Europa Press.

Marlaska deu estas explicacións na comparecencia tras o Consello de Ministros despois de que o partido liderado por Pablo Iglesias acusase onte o Goberno de "reactivar as cloacas" coa imputación por parte da titular do Xulgado de Instrución 25 de Madrid, Raquel Robles, dos deputados Rafael Mayoral, Antonio Gómez-Reino e Yolanda Díaz.

"A data é importante", comentou o ministro para facer fincapé en que o informe remitido ao xulgado é do 28 de marzo—"hai medio ano"—, o mesmo día que se produciron os incidentes preto do Congreso dos Deputados. No informe policial identifícase unha persoa que foi detida e posta en liberdade en sede policial, segundo o relato de  Marlaska.

O atestado que narra o ocorrido, "como todos os desas características", foi remitido á autoridade xudicial para que "fixese a valoración pertinente". "Os policías non fan ningunha imputación, que isto quede claro", apostilou, "é posteriormente cando a autoridade xudicial dita resolución".  Marlaska engadiu que, se así se determina, comparecerá no Congreso para dar explicacións.

Unidas Podemos acusou este xoves o ministro do Interior en Funcións de "persecución política" e "reactivar as cloacas" pola imputación de tres deputados e unha  exdeputada do grupo confederal que participaron o pasado marzo nunha manifestación cos traballadores de Alcoa fronte ao Congreso.

Este xoves, Unidas Podemos informou no Congreso sobre a imputación do deputado Rafa Mayoral e dos gelegos Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino, ademais da exdeputada por En Marea Ángela Rodríguez por un presunto delito de atentado contra a autoridade.

"Parécenos que este caso novo de policía política, de reactivación das cloacas do Estado, é un ataque ao sistema democrático inaceptable do que o señor ministro do Interior ten que vir render contas", sinalou Rafa Mayoral.

Para Mayoral, a imputación e a súa notificación "non hai por onde collela" e o procedemento é "completamente irregular de principio a fin", lembrando que pola súa condición de deputados só poden ser chamados a declarar polo Tribunal Supremo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xesús X. Fdez. Iglesias

Non dubido, Sr. Marlasca, que vostedes non deron ordes a ninguén para que procesara a ningún deputado. En todo caso mire vostede a quen ten na súa Policía e os xuices "con historia" que aínda permanecen aí e que son incompatibeis con calquera sistema democrático. Deso si son vostedes responsables.

1 Gamela

Aforados cando interesa...? E a Paula Quinteiro pedíanlle a cabeza...? Está ben o conto, os únicos que non temos aforamentos somos os cidadáns que temos que pagar abogado propio e aínda así nos putean todo canto poden...