Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2019 | Actualizada ás 11:11
O presidente da Xunta de Galica, Alberto Núñez Feijóo, volveu a reclamar ao Goberno central "a totalidade do diñeiro" que o Estado debe transferir ás comunidades autónomas e acusouno de gobernar de forma "frívola e sectaria". Unhas declaracións que chegan logo de que El País publicara que o Ministerio de Hacienda anunciara que atopou "unha fórmula" para poder pagar unha parte do diñeiro que lles adebeda, a pesar do dictame en contra da Avogacía do Estado.
O anuncio chega en plena precampaña electoral e logo de que distintas comunidades, entre ela a galega, teñan criticado duramente o bloqueo da entrega deses 700 millóns. "Lamentablemente estannos tomando o pelo", asegurou este sábado nunhas declaracións en Mar da Prata, durante a súa visita a Arxentina, nas que reiterou que a Xunta tiña razón "desde o primeiro momento", xa que "non existen razóns obxectivas para explicar o porqué de non pagar todo o diñeiro que se lles debe ás comunidades".
Para o máximo responsable do Executivo galego, esa débeda é necesaria para "que non haxa tensións de tesouraría", para "poder pagar en tempo e prazo a extra de Nadal, os fármacos do mes de decembro e a dependencia" dos máis maiores dese mesmo mes.
Reitera a reclamación de "liberar" a totalidade da débeda e insiste en que "ao principio, cando empezou a aflorar esta débeda dicíase que era un invento da Xunta", pero a poucas horas de coñecerse a nova convocatoria electoral "din que van pagar unha parte", polo que fai un chamamento ao "respecto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.