Verea toma o mando do PP de Santiago co reto de "ampliar equipos"

O PP de Santiago pospón o congreso ata despois das autonómicas e Verea non revela se aspira a consolidarse como líder: "Non mo expoño"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2019 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O presidente da xestora do PP de Santiago, Borja Verea, situou como o seu reto "prioritario e urxente" a "ampliación de equipos" na formación. "Xuntos sumamos máis, quero contar con todos os que teñan ganas de traballar", sinalou, antes de chamar a traballar unidos ante a proximidade de dúas novas citas coas urnas: as xerais do 10 de novembro e as autonómicas do ano que vén.

En rolda de prensa, Verea admitiu que asume a encomenda de presidir a xestora "con todo o respecto" e que se puxo como obriga a de "escoitar moito" e tratar de "ampliar equipos" para dotar ao PP de Santiago de "unha estrutura áxil e eficaz" que sirva tanto para facer fronte a retos electorais como para ser correa de transmisión do grupo municipal.

"O PP de Santiago quere ser espazo de encontro de simpatizantes e militantes, un lugar para a participación, para trasladar inquietudes e que estas sexan valoradas e tidas en conta", remarcou, antes de advertir que "veñen meses de moita tensión electoral", coas xerais e as autonómicas, polo que "o urxente é agora concentrar enerxía".

Pendente de reunirse co portavoz municipal dos populares, Alejandro Sánchez-Brunete, aínda que xa falou con el, manifestou o seu desexo de que o grupo sexa "a bandeira do partido" e de que todos os concelleiros teñan "moito protagonismo" como representantes non só do partido, senón dos composteláns.

Borja Verea, presidente da xestora do PP de Santiago
Borja Verea, presidente da xestora do PP de Santiago | Fonte: Europa Press

O CONGRESO, TRAS AS AUTONÓMICAS

Verea chamou a "concentrar enerxías" ante as próximas citas electorais e incidiu en que será despois das autonómicas cando o partido local celebrará "un bo congreso, participativo e transparente" que permita consolidar unha nova dirección.

Acerca de se se ve el liderando a agrupación, replicou que a "encomenda" que asumiu de estar á fronte da xestora cínguese ás dúas próximas citas electorais. O seu obxectivo é tratar de "mellorar os resultados na cidade" e "non" se expón neste momento a idea de presentarse ao congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta