Varios concellos denuncian a falta de recursos para atender áreas de servizo, verteduras e seguridade para autocaravanas

O presidente da Fegamp, Alfredo García, avisou de que "unha das cuestións principais é que os municipios carecen de áreas de servizo, polo que, sobre todo nos concellos pequenos, deberán contar cun financiamento para a súa creación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2019 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

Máis de 40 concellos reuníronse este mércores na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en Santiago, para abordar a futura ordenanza de autocaravanas, onde expuxeron diferentes problemáticas que identifican como falta de recursos para crear áreas de servizo, as verteduras que provocan e a ausencia de policías locais para garantir a seguridade.

O pasado mes de agosto o presidente da Fegamp, Alfredo García, reuniuse co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora de Turismo, Nava Castro, para tratar esta cuestión. A Xunta elaborará un decreto con base nunha ordenanza tipo que permita a convivencia de autocaravanas nas localidades galegas dunha forma xenérica en todo o territorio. O obxectivo é que estea en vigor para o próximo verán.

Este mércores, o responsable da Fegamp avisou de que "unha das cuestións principais é que os municipios carecen de áreas de servizo, polo que, sobre todo nos concellos pequenos, deberán contar cun financiamento para a súa creación".

Nesta liña, Alfredo García remarca que as autocaravanas provocan verteduras, polo que hai que prestar uns servizos para estes visitantes e "os autocaravanistas teñen que ser conscientes de que deben pagar por eses servizos, xa que de ningún modo teñen por que ser gratuítos".

A isto únese as restricións existentes en zonas paisaxísticas e espazos de Rede Natura, nas que se atopan moitas praias galegas, para a creación destas áreas, pois a normativa impídeas. Por iso, requírese aclarar e achegar solucións a esta cuestión.

Ademais, prodúcese un problema de convivencia "nalgúns casos", dado que "os autocaravanistas aparcan e fan noite en lugares prohibidos", "facendo uso indebido dos espazos públicos, xa que tenden a roupa, abren toldos ou fan comida á grella en zonas prohibidas". Xunto a isto, prodúcese a ocupación de zonas de aparcadoiro en lugares xa de seu masificados.

PROBLEMAS DE CONTROL

Nesta liña, o presidente da Fegamp explicou que varios concellos deron conta da imposibilidade para controlar este tipo de vehículos, posto que en moitos casos non contan con Policía Local ou cos axentes suficientes. Para iso, García dixo que nesta reunión realizouse a petición de "a contratación de auxiliares da Policía Local para tal fin".

Neste sentido, cre necesario futuras reunións con entidades como Augas de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente ou a Dirección de Turismo de face á redacción da normativa co fin de aclarar lugares nos que se pode aparcar ou acampar, así como outras problemáticas.

Parking de autocaravanas. AYTO. DE BALMASEDA
Parking de autocaravanas. AYTO. DE BALMASEDA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta