Os propietarios forestais prefiren o eucalipto: rápido para crecer e a mellor prezo para vender

Máis do 60 % dos ingresos dos propietarios forestais galegos por venda de madeira no 2023 procederon dos eucaliptos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2024 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

Os ingresos dos propietarios forestais por vendas de madeira situáronse no ano 2023 en 276 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados en base ás estatísticas de curta da Consellería do Medio Rural. Do total de facturación, 168,7 millóns de euros corresponden ao eucalipto, 101,3 millóns de euros aos piñeiros e 6,6 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis aló do seu uso para leñas domésticas, seguen tendo un aproveitamento residual na industria da madeira.

Con todo, nunha nota de prensa, a Asociación Forestal de Galicia destacou que as curtas experimentaron no último ano un lixeiro descenso, "en consonancia coa menor demanda industrial e os menores prezos". Así, dos 10,7 millóns de metros cúbicos cortados no 2023 pasouse aos 9,2 millóns de metros cúbicos do 2023.

En concreto, o eucalipto descendeu en curtas ao redor do 10 %, mentres que no piñeiro as curtas reducíronse un 23 % tras "un excepcional 2022, que se pechara cos maiores volumes de curta da última década". Por provincias, os montes da Coruña achegan o 45 % das curtas totais da madeira en Galicia. Séguenos os de Lugo, co 37 %; Pontevedra, co 14 %; e Ourense, co 4 %. En canto á tipoloxía de especies forestais, o 60 % do eucalipto córtase na provincia da Coruña, mentres que Lugo é líder autonómico en curtas de piñeiro, con máis da metade do total.

DISTRITOS

Así, por distritos, sitúanse líderes nas curtas de piñeiro Lugo-Sarria, Terra de Lemos e A Fonsagrada-Ancares, mentres que os tres líderes en curta de eucalipto son Ferrol, Santiago-Meseta interior e Bergantiños-Mariñas coruñesas. Estes datos, destacou a Asociación, corresponden a propietarios de montes privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98 % da madeira cortada en Galicia. O restante 2 % procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración. En canto aos prezos, a entidade sinala que a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse no último ano nos 70 euros. Pola súa banda, o eucalipto estivo entre os 29 e os 31 euros.

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos | Fonte: EP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Está bem que prefiram isso, mas o que tenhem que assumir e pagar é o custe de apagar os incêndios a causa das suas plantações; e nom os demais com os nossos impostos. Porque com a actual situaçom o que estamos a fazer é subvencionar às celuloses; é dizer, à oligarquia madrilenha, a sua matéria prima