Renace a Asociación Ánxel Casal cunha proposta clara: que sexa o homenaxeado das Letras Galegas 2021

Logo de oito anos de cesamento da súa actividade, o colectivo arzuán volve a escena para vitalizar a rede asociativa e cultural do municipio e para homenaxear a figura do editor. Celso Alberte, que será o seu presidente, fala con GC. "Toda a literatura de comezos do vinte non se coñecería se non fose polo labor de Ánxel Casal", asegura.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/10/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A Asociación Cultural Ánxel Casal volve poñerse en funcionamento no municipio de Arzúa logo de oito anos nos que cesara a súa actividade. Constituída no comezo deste século, o grupo de xente que andaba detrás dela sempre tivo por obxectivo homenaxear e valorizar a figura do editor, persoa clave na historia e na cultura galegas. Agora son unhas cantas persoas novas, con inquietudes culturais, quen decidiron recuperar as reivindicacións e darlle unha nova vida á asociación. Nesta etapa, Celso Alberte, o que foi o seu fundador e presidente dende o nacemento, segue mantendo o cargo e formando parte activa da organización arzuá. 

Suárez Ferrín, Ánxel Casal e Xaime Quintanilla, alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol represaliados polo franquismo.
Suárez Ferrín, Ánxel Casal e Xaime Quintanilla, alcaldes da Coruña, Santiago e Ferrol represaliados polo franquismo.

Conta Celso que a xente sentía unha necesidade de volver desfrutar de actividades de tipo lúdico e cultural nas súas parroquias. "Na etapa máis florecente da asociación chegamos a ter obras de teatro infantís, xornadas de maxia e teatro, actividades relacionadas co pan... Xa se botaba en falta". Foi este o xermolo que avivou de novo as ganas de impulsar a rede asociativa do municipio. 

ÁNXEL CASAL: LETRAS GALEGAS 2021?

Ademais, o próximo ano conmemórase o 125 aniversario de Ánxel Casal, feito que aínda deu máis azos á xente do lugar para comprometerse con este proxecto. De aquí en diante, coa vista posta nesa celebración, a Asociación bota a andar co gallo de relanzar a figura do editor e político e de poñer o foco de atención tamén na activista María Miramontes, a súa compañeira. "Ela foi a fundadora das Irmandades na Coruña e unha persoa que axudou moitísimo en todos os proxectos que tiña Ánxel Casal", conta o presidente. 

O colectivo prepara xa unha intensa campaña, que esperan que sexa asumida por todas as asociacións culturais galegas, baixo o lema "Ánxel Casal, 125 anos con nós". Unha das propostas máis importantes é a das Letras Galegas 2021 para o persoeiro. Celso Alberte recorda que Ánxel Casal foi editor das editorias Lar e Nós e que nelas traballaron os mellores escritores da época. "Toda esa literatura de comezos do vinte non se coñecería se non fora polo labor de Ánxel Casal", destaca. 

Neste tempo xa estiveron "sondeando" diferentes asociacións e organismos oficiais, e Celso recoñece que a proposta de Casal para as Letras ten moi boa acollida. "Ninguén nos dixo que Ánxel Casal non merecese este día. Para nós é de xustiza que unha persoa que fixo tanto pola cultura galega estea recoñecida ao máis alto nivel", engade. Ademais de editor, este coruñés que foi detido e fusilado no 36 nunha parroquia de Vilantime (Arzúa) militaba, coma Miramontes, no Partido Galeguista. Chegou a ser alcalde de Compostela, vicepresidente da Deputación e presidente do comité que levou o primeiro estatuto de Galicia a Madrid. 

UNHA META: "GALICIA MODERNA, CULTA E LIBRE"

"É un personaxe fundamental da historia galega", reafirma Celso. "É asombroso que non estea recoñecido polo menos cun monumento nas cidades nas que viviu". Tanto el coma a súa muller foron fillos de xornaleiros, tiñan claro que o progreso había que buscalo no propio país e desenvolveron un intenso labor cultural na procura dunha única meta: "unha Galicia moderna, culta e libre", recorda o presidente da Asociación. "Era o que buscaba, no fondo, toda esa xeración" que viu o seu futuro truncado pola guerra e o franquismo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta