Temas: CULTURA RAG

A RAG dedica a IV Xornada de Onomástica aos nomes das rúas e será o próximo 19 de outubro

Ademais presentarase unha proposta de modelo para as novas denominacións das rúas, baseada na premisa de recorrer primeiro ás formas tradicionais previas antes que as conmemorativas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2019 | Actualizada ás 17:56

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega celebrará o próximo 19 de outubro no Museo de Pontevedra o IV Xornada de Onomástica Galega que dedicará aos nomes das rúas e contará con catorce especialistas que profundarán no seu sistema de conformación nos centros urbanos.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rei; e a académica coorganizadora do encontro, Luz Méndez, presentaron este mércores en rolda de prensa o programa desta Xornada que prestará atención ao compoñente social, histórico e político que subxace nestes nomes.

Ademais presentarase unha proposta de modelo para as novas denominacións das rúas, baseada na premisa de recorrer primeiro ás formas tradicionais previas antes que as conmemorativas "isto é, como se impoñen estes nomes e a intencionalidade desta imposición", explicou Luz Méndez.

Freixanes agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra. Pola súa banda, José Manuel Rei expresou a vontade do Museo de "reforzar unha cooperación que ten longa tradición" e que espera que "continúe ao longo do tempo".

A chamada odonimia urbana, é dicir, o estudo dos nomes é foco de interese non só para a onomástica senón tamén para disciplinas tan variadas como a sociolingüística, a xeografía da memoria e a xeografía da paisaxe, entre outras.

"Antigamente os nomes transmitíanse durante xeracións; agora as novas denominacións urbanas son cambiantes e, no noso caso, sepultan frecuentemente topónimos tradicionais, que son reflexo da importante interacción que os galegos tivemos coa terra", profunda Luz Méndez.

Este aspecto merecerá unha atención especial nunha xornada coa que se pretende concienciar os concellos da importancia de manter a través da hodonimia o que é parte do patrimonio común.

PROGRAMA

O programa do IV Xornada de Onomástica Galega inclúe ademais relatorios que profundarán na conformación na Idade Media dos nomes de rúas galegas, co foco posto nos casos de Santiago de Compostela e Baiona, e como o seu control significou a apropiación simbólica do espazo público por parte do poder.

Abordaranse tamén os procedementos actuais para nomear as novas vías urbanas en Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lalín e presentarase unha experiencia sobre os nomes dos espazos das aldeas.

Víctor F. Freixanes, presidente da RAG
Víctor F. Freixanes, presidente da RAG | Fonte: RAG

Temas: CULTURA RAG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta