Feijóo avisa ao goberno "moroso" de Sánchez que "nin de broma" perdoará "un só euro" de débeda

"Dáme igual que sexa presidente en funcións ou secretario xeral do PSOE, pero que pague", advirte, en relación a Sánchez

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/10/2019 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou este xoves as "escusas e contradicións" que levaron ao seu homólogo estatal, o socialista Pedro Sánchez, a converter o Goberno no "principal moroso de España" e advertiulle que Galicia "nin de broma aceptará condonar nin un só euro da débeda" de 700 millóns que reclama ao Executivo estatal.

Así se pronunciou un día despois de que Sánchez, nun mitin en Valencia, asegurase que o Goberno cumprirá coas comunidades e actualizará as entregas a conta antes da cita electoral do 10 de novembro. Feijóo censurou que este tipo de cuestións se aborden nun acto electoral e dixo que é "grave", pero, en todo caso, incidiu en que a prioridade é que se "pague" a "totalidade" do que se debe a Galicia.

"Dáme igual que sexa presidente en funcións ou secretario xeral do PSOE, pero que pague", esixiu, crítico co que considera "unha manifestación xenérica" realizada nun mitin e que contradí o que Sánchez defendeu "durante meses" como presidente en funcións, ao dicir que era "imposible" facilitar os recursos ás comunidades porque "non era legal".

Tras censurar o "uso e ocupación" das institucións que atribúe ao PSOE, advertiu que, cando o Goberno é "o principal moroso de España", non se pode pedir ás empresas e ao resto de españois que ingresen os seus tributos, que as firmas paguen aos seus provedores e que os traballadores poidan cobrar a fin de mes.

E aínda que o feito de que Sánchez faga este tipo de anuncios nun acto electoral "xulgarano os cidadáns", segundo Feijóo, "a realidade" é que nas arcas da comunidade non entrou nin "un euro" e que a Xunta non está disposta a renunciar a parte da débeda. "Galicia non pasará nin de broma por condonar un só euro da débeda real que ten o Goberno", dixo.

QUE "RECTIFIQUE"

"A posición de Galicia non se vai a alterar nadiña de nada", sentenciou Feijóo, quen, a continuación, preguntado acerca de que medidas tomará a Xunta se o Goberno non deriva á comunidade os 700 millóns que esixe, rexeitou dar por feito de forma anticipada que "vai deixar un pufo".

Ao seu modo de ver, a Xunta xa contribuíu propondo medidas para solucionar o problema e o procedemento "é ben sinxelo". "Expomos un real proxecto lei no Congreso, esperaron á disolución das Cortes e agora vaise a convalidar nunha Deputación Permanente. Por que nos toman tanto o pelo?", preguntouse.

A continuación, engadiu que o que "todos esperan" é que o decreto, que se converte en lei unha vez convalidado, sirva para pagar as entregas a conta, pero non só iso, senón tamén para "axustar a liquidación do IVE".

Finamente, Feijóo advertiu que quen "asesorou" a Sánchez para "crear este clima de tensión innecesario e boicotear o funcionamento de todos os servizos públicos de España equivócase". "É a súa última oportunidade de acertar e rectificar na súa totalidade. Se volve cometer o erro de bloquear unha parte da débeda, a equivocación non só será intencionada, senón malintencionada", resolveu.

Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. XUNTA
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Alienao

Pónse farruco o xefe da colonia jajajajj