Unións Agrarias acusa a Xunta de esquivar a súa responsabilidade ao deixar aos cazadores o control do xabaril

O sindicato agrario recolle firmas para que o Goberno galego inclúa medidas contra este animal na lei de acompañamento aos orzamentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) considera que a Xunta esquiva a súa "responsabilidade" á hora de afrontar o problema da sobrepoboación de xabarís, ao deixar "na voluntariedade" dos cazadores levar a cabo tarefas de control.

Xabaril
Xabaril | Fonte: Arquivo.

O secretario xeral do sindicato, Roberto García, presentou no rexistro do Parlamento de Galicia máis de 6.500 firmas que reclaman que a Xunta inclúa modificacións na normativa de caza na lei de acompañamento aos orzamentos autonómicos para o próximo ano.

García puxo o foco en que a Administración autonómica debe "asumir a filosofía" de que o combate á sobrepoboación de xabarís e a xestión da fauna salvaxe ten que realizarse desde a propia Xunta a través de políticas acompañadas de partidas orzamentarias.

E é que, para Roberto García, a medida anunciada o pasado luns de que a partir da próxima semana estará permitida a caza de jabalíes en 33 concellos todos os días, non solucionará o problema.

"Onde haxa cazadores suficientes para organizarse pode valer. Pero onde non, terán que usarse empresas de servizos profesionais (para as batidas). O que non pode ser é deixar na voluntariedade dos cotos exercelos", aseverou.

Con todo, extrae como positivo que a Xunta, con este anuncio, "recoñeza" que existe un problema co xabaril en Galicia, aínda que lamenta o fondo da medida. "É dicir que se quere solucionar pero sen gastar nada. É convidar e non pagar", apostilou.

INDEMNIZACIÓNS

Neste sentido, Roberto García sinalou que os danos causados polo xabaril en explotacións gandeiras e agrícolas en Galicia están cifrados en 15 millóns de euros anuais, mentres que as indemnizacións da Xunta son "só" de 600.000 euros; polo que "máis de 14 millóns de euros en danos son asumidos polo propio sector".

A iso, segundo Unións, hai que sumar os problemas que causan na rede viaria e ao posible efecto que poida ter esta especie na propagación da peste porcina africana, xa que os xabarís son "potenciais transmisores" desta enfermidade que amenza o sector da carne de porco, no que España é líder mundial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta