Lei do Menor

Se ben estamos de acordo en que, no noso País, os índices de delitos cometidos por menores de idade penal non chegan a cotas preocupantes de alarma social doutros do noso entorno, non podemos descoidar o seu estudio nin a súa prevención, atallando da maneira legal máis respectuosa, os xermolos desta lacra social, que comeza a preocupar.

Por José Freire | Pontevedra | 04/06/2012

Comparte esta noticia
E aí atopámonos ca lei que regula as condutas delituosas dos xoves menores de idade, que non é outra que a Lei Orgánica Reguladora da responsabilidade Penal do Menor.
 
Cada vez son máis as voces que veñen demandando unha reforma urxente desta norma, sobre todo a raíz de feitos delictuosos graves cometidos por menores de idade. Serva como exemplo máis coñecido o da desaparición e morte, aló por xaneiro de 2009, da menor Marta del Castillo, polo que foron detidos e xulgadas varias persoas, algunha delas menores de idade, sen que, a data de hoxe, aparecera o corpo da menor.
 
A estes menores a lei lles reserva un tratamento privilexiado na investigación que, en ocasións, aproveitan para facer desaparecer probas ou fabricarse coartadas. E ante isto o clamor popular pide máis eficacia policial e maior seguridade fronte a menores autores de feitos criminais graves.
 
Por iso, somos moitos, dentro do eido policial, os que creemos necesario que se aborde a reforma desta Lei, para que permita maiores posibilidades na investigación aos membros da Policía Xudicial, Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.
 
Así podemos ver como a entrevista reservada ao menor co letrado anterior á declaración, resta espontaneidade á primeira declaración do detido e pode perturbala investigación policial, proporcionándose impunidade. Cando o art. 520 da L.E.C. dispón para as persoas maiores de idade que a primeira entrevista reservada co letrado se leve a cabo unha vez rematada a declaración, non é máis que para impedir que se podan contaminar as primeiras versións dos detidos, que tanto valor xudicial teñen á hora de valorar se está mentindo o dicindo a verdade. Por iso consideramos necesario que a entrevista so se realice ao termo da dilixencia de toma da primeira declaración.
 
Asemade tamén consideramos que a Lei debe modificarse ampliando o prazo de detención do menor de 24 a 48 horas, o mesmo período que lle outorga ao Ministerio Fiscal, o que permitiría unha mellor investigación dos feitos denunciados. Tan curto espazo de tempo facilita a impunidade do menor.
 
Por outra banda, en non poucas ocasións, as conductas desviadas dos menores veñen precedidas pola perda de valores que se descoidaron no seo da familia nuclear. De xeito que a responsabilidade solidaria que preconiza a Lei é acertada xa que deste xeito os pais, que son os máis implicados na educación dos fillos sobre o respecto aos demais, deben responder civilmente polos danos ocasionados polos seus fillos. Nembargante, na maioría dos casos, as víctimas non son indemnizadas, ben por que as familias decláranse insolventes, ben porque os xuíces moderan a indemnización a unha cuestión testemuñal. Nestes supostos, coido que debe modificarse no senso de que sexa o Estado o responsable desta indemnización.
 
E para rematar, convén que se saiba que vimos notando como, cada vez máis cedo, os menores comezan a cometer feitos delictuosos. Non é nada raro ver xoves menores de 14 anos delinquindo namentres a Lei so ofrece a estes menores a impunidade fronte á víctima que se mergulle na impotencia, por exemplo, cando lle dan un tirón do bolso, lle rouban na casa ou matan a alguén. Un rapaz de trece anos debe telo paliativo xudicial correspondente. Por esta razón estimamos positivo a rebaixa da idade penal aos trece anos.
 
Coido que a sociedade así o está a demandar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
José Freire Funcionario do Corpo Nacional de Policía dende septembro de 1976, entón Policía Armada. Estivo destinado en Pamplona, Bilbao e na actualidade en Pontevedra. En 1981 formou parte da 1ª Xestora do Comité Local de Pontevedra do Sindicato Unificado de Policía na clandestinidade, ata a súa legalización no ano 1986. Desenvolveu os cargos de Secretario Local e Provincial de Pontevedra, de Organización do Comité Federal de Galicia, e dende o ano 2002 Secretario Xeral do S.U.P. en Galicia.