Caballero equipara a Jácome con Vox por sacar a Ourense do protocolo contra violencia de xénero

Tacha de "comportamento gravísimo" que o goberno ourensán decida saír do protocolo e insta a que o PP retire o seu apoio a Democracia Ourensana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, equiparou ao alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, coa formación Vox pola decisión de saírse do protocolo 'Viogen' de atención a vítimas de violencia de xénero, un "comportamento gravísimo" que, para o líder socialista, merece que o Partido Popular retire o seu apoio a Democracia Ourensana no consistorio da capital provincial.

En declaracións aos medios este mércores nos corredores do Parlamento de Galicia, Gonzalo Caballero instou ao presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a pronunciarse sobre a decisión anunciada o martes polo goberno ourensán de desvincularse, a partir do mes de marzo, dun protocolo de atención e prevención ás vítimas de violencia de xénero no que participaba a Policía Local da Cidade das Burgas.

"O mesmo que quere expor Vox en tantos sitios expono en Ourense Jácome coa conivencia de Feijóo", aseverou Caballero, que insta o mandatario popular a que o partido que lidera obrigue a "rectificar" ao rexedor ourensán ou directamente "lle retire" o apoio.

"O PP está incorporado ao Pacto de Estado (contra a violencia de xénero) e o que hai é que ser coherente co que se di e co que se expón. Se o PP quere garantir a seguridade das mulleres e comprometerse na loita contra a violencia machista, ten que facer que, aí onde goberna ou onde apoia a quen goberna, se dean pasos adiante", incidiu.

Para Caballero, a decisión é "un paso atrás, un erro gravísimo" por parte de Pérez Jácome, que alegou falta de "recursos" para prestar o servizo como motivo para a retirada do protocolo de Ourense, concello no que 31 mulleres están acollidas a un programa polo que o goberno ouresano recibía 35.000 euros de axuda procedente dos fondos do Pacto de Estado, como lembrou o socialista.

Así as cousas, considera que os argumentos do rexedor son "débiles e falaces" e que, en realidade, "esconden a falta de compromiso na loita pola igualdade real". "O que sucedeu onte (o mércores) en Ourense parécenos moi grave e supón unha chamada de atención do que non se debe facer na política municipal", subliñou Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta