Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/06/2012 | Actualizada ás 20:48
Compromiso por Galicia comeza a despegar como proxecto político independente. Este luns celebrou a súa primeira Executiva na que acordaron comezar a a traballar nun calendario de traballo único. Nesta primeira toma de contacto, déronse conta dos avances organizativos en todas as comarcas e localidades do País, de cara a expresar “a vocación unitaria” das partes.
Deste xeito, e a diferencia do que está acontecendo coas asembleas de base, que inicialmente impulsou Encontro Irmandiño, e nas que participan militantes doutras formacións políticas e independentes para artellar un Novo Proxecto Común (NPC), CxG acordou a celebración de sete grandes actos abertos nos cales “se debatan os esqueletes políticos e programáticos”. "O obxectivo é que a cidadanía exprese as súas demandas e aportacións de cara a enriquecelos e complementalos”, suliñou Xoan Carlos Báscuas, líder de Máis Galiza.
"Tempos"
Por iso, nun comunicado de prensa posterior á xuntanza, CxG quixo aclarar que, con respecto ao NPC, “respeta os seus tempos” e agardan “no menor tempo posible poder
confluír para ofertarlle á cidadanía unha proposta conxunta nacionalista, galeguista e progresista”. "En CxG xente de diversas procedencias políticas, organizativas e vitais e cun procedemento moi participativo, puxemos o pais por diante”, suliñan.
Fontes da Executiva de CxG consultadas por GC confirman que os seus "ritmos e os tempos" son diferentes aos do EI e outros colectivos que apostan por un aseblearismo de base. "Isto non quere dicir que non confluamos, finalmente, nunha plataforma electoral de cara as vindeiras eleccións", suliñan. Por iso, CxG organizará diversos actos para explicarlle aos galegos en que consiste o seu proxecto "galeguista e progresista".
Máis Galiza, Acción Galega e Ecogaleguistas non participarán, a partir de agora, nas asembleas do NPC. "Iso non quere dicir que militantes das nosas formacións a título individual estean nestas asembleas", suliñan.
Unha organizaicón "aberta e plural"
O anuncio de CxG chega logo de que este pasado sábado, o NPC creaba a Coordinadora Nacional das asembleas na que apostaba por "unha nova organización de carácter asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.