Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 14:42
O Parlamento de Galicia, co voto favorable do Grupo Popular e a abstención do deputado de Democracia Ourensana, pediu "non situarse a favor ou en contra" do proxecto da mina de Doade ata que non haxa un pronunciamento dos técnicos competentes na materia. Na defensa desta proposición non de lei dos populares sobre as accións que o Goberno galego debe pór en marcha en relación coa política que está a desenvolver a Unión Europea para a obtención de materias primas estratéxicas e, en concreto, co proxecto da mina de litio de Doade, Alberto Pazos solicitou "evitar os prexuízos" e "respectar os traballos dos técnicos para que poidan realizar o seu labor coa tranquilidade necesaria".
Así, fronte a "os do 'non'" -- tal e como se volveu referir ao BNG--, Pazos argumentou que a mina permitiría "paliar a perda de poboación" e "fixar" cidadáns no territorio cun proxecto que "prevé xerar 320 postos de traballo e dinamizar economicamente" a comarca. Nesta liña, insistiu en que Galicia "non é ningunha colonia", ao contrario, engadiu, que o feito de que "os criterios de acollida de inmigrantes se decidan nunha conversa en Waterloo" ou "aceptar que Galicia ten que reformar o seu estatuto para ter as mesmas competencias que se lle regalan a Euskadi". "Todo isto si que é colonialismo e, ante esas actitudes coloniais, o PPdeG defende Galicia e outros se dedicaron a dicir 'Se bwana'", reprochou.
Pola súa banda, o deputado do BNG Xosé Manuel Golpe lamentou que os populares pidan agora á Xunta "que faga o contrario que fixeron co proxecto de Altri": "Primeiro foron de comerciais e agora dedícanse a darlle unha man de pintura á cheminea e a vendelo como un proxecto temático". Así mesmo, a parlamentaria do PSdeG Patricia Igrexas criticou ao Goberno galego porque "non ten un plan sectorial territorial mineiro". "Non fixo os deberes", censurou.
PROTECCIÓN LOBO
Doutra banda, a Cámara galega tamén aprobou unha proposición non de lei do Partido Popular para pedir a rebaixa do nivel de protección do lobo e restablecer o equilibrio entre a preservación da especie e as actividades gandeiras. A iniciativa tamén insta á Xunta a dirixirse ao Goberno central para que apoie ás comunidades autónomas no desenvolvemento das accións oportunas e que sexan necesarias para a xestión do lobo e "coas que defender os intereses dos gandeiros".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.