Oncólogos galegos desenvolven un novo fármaco contra o cancro de mama

O programa galego de detección precoz desta patoloxía realizou máis de 2,6 millóns de exploracións desde 1992.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2019 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

Oncólogos galegos participaron na investigación e desenvolvemento dun novo fármaco oral para o cancro de mama metastásico que acaba de ser aprobado en España.

O doutor Rafael López, xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), foi un dos expertos involucrados no desenvolvemento da molécula, a primeira cunha participación española desde o inicio que logra ser comercializada.

"E desde o minuto un, Galicia participou nos ensaios clínicos deste novo tratamento oncolóxico", sinalou o doutor López. "Estamos a axudar a miles de mulleres a nivel mundial e Galicia estivo involucrada desde o principio. Isto non fai máis que reflectir a calidade dos hospitais e profesionais galegos", abundou.

Este fármaco, cuxa investigación e desenvolvemento preclínico se levou a cabo coa colaboración do centro de I+D español de Lilly, informou esta entidade, contou coa participación dunha rede de investigadores internacionais e nacionais. Neste sentido, oncólogos, especialistas e pacientes galegos participaron activamente na investigación clínica deste novo medicamento.

En Galicia falecen máis de 430 persoas por cancro de mama ao ano, segundo datos do Rexistro de Mortalidade apuntados por Lilly. En 2016, último exercicio do que existen datos oficiais, diagnosticáronse en Galicia 2.009 novos casos de cancro de mama a 1.967 pacientes, engade. O 6% destas mulleres (unhas 120) presentaban cancro metastásico (estadio IV), que aparece cando as células malignas se diseminan a outras partes do corpo, incluíndo tecidos normais próximos como os pulmóns, o fígado, os ósos ou o cerebro.

AVANZAR

"Por iso é tan importante avanzar na investigación dos reguladores do ciclo celular. Estes impiden que as células malignas se reproduzan rapidamente e se estendan por todo o corpo, evitando que o cancro se expanda", afirmou este especialista do CHUS.

Ademais, comentou que "o cancro de mama é o segundo con máis incidencia en Galicia, por encima mesmo do cancro de pulmón". "Son datos elevados para unha comunidade onde viven pouco máis dun millón de mulleres. Necesitamos tratamentos que nos axuden a controlar e cronificar a enfermidade durante anos, á vez que permitan boa calidade de vida aos pacientes", subliñou.

Así mesmo, prevese que a probabilidade de que unha muller residente en Galicia sexa diagnosticada con cancro de mama ao longo da súa vida é do 9,3%, apuntou. "A ciencia avanza, pero o cancro tamén. Aínda con todo podemos estar orgullosos dos profesionais que temos en Galicia que, desde hai moitos anos, grazas á súa profesionalidade e experiencia estiveron involucrados na loita contra o cancro", concluíu.

Proba de detección de cancro de mama. GC
Proba de detección de cancro de mama. GC

PROGRAMA DE DETECCIÓN PRECOZ

O programa galego de detección precoz de cancro de mama realizou 2.671.529 exploracións mamográficas entre xaneiro de 1992 --cando se puxo en marcha-- e o 1 de outubro deste ano, o que supón unha participación do 78,6 por cento.

Así o destacou este venres a Consellería de Sanidade, con motivo da celebración este sábado do Día Internacional desta patoloxía. Ademais, destacou que a taxa global de detección precoz se sitúa en 3,6 casos por cada mil mulleres exploradas, o que supón que 9.611 cancros foron detectados polo programa en fase presintomática.

A partir do ano 2006, destacou Sanidade, a participación no programa supera o 75 por cento, "que é o obxectivo desexable establecido polas Guías europeas de Garantía de Calidade en Cribado e Diagnóstico Mamográfico'. Desde ese exercicio, puntualiza a Consellería, a participación alcanza ou supera o 80 por cento anualmente.

"O obxectivo de alcanzar un diagnóstico precoz dos cancros queda reflectido no feito de que o 92,7% dos tumores detectados, tiñan un estadío tumoral baixo", indica Sanidade. Ademais, un 65% dos casos non tiñan afectación ganglionar no momento do seu diagnóstico.

IMPACTO

A combinación dunha alta participación cunha "correcta taxa de detección", subliña Sanidade, "permiten predicir a obtención dun impacto importante do programa na poboación diana, que resulta de interese avaliar para establecer a efectividade do mesmo", engade.

Así mesmo, Sanidade apuntou que no ano 2015 se desenvolveu un estudo sobre as taxas específicas de mortalidade por esta patoloxía en mulleres galegas no período 1980-2012, no que se reflicte un "importante descenso" no número de mortes observadas en mulleres cribadas.

En concreto, o departamento sanitario autonómico destacou que nos grupos cribados con participación alta, o risco de morrer por cancro de mama redúcese case nun 30 por cento.

O programa que leva a cabo a Consellería de Sanidade está dirixido a mulleres residentes en Galicia de entre 50 e 69 anos. A proba básica, especifican as mesmas fontes, é a mamografía e realízase cunha periodicidade de dous anos. O programa conta co teléfono 981 14 14 14 para a atención ás usuarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta