Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2019 | Actualizada ás 17:06
Ao redor dun centenar de persoas participaron nunha marcha na Coruña para reclamar terreos e edificios que se atopan en desuso na cidade e que a día de hoxe pertencen ao Ministerio de Defensa.
A plataforma cívica Defensa do Común e as Asociacións veciñais da Cidade Vella e Atochas-Monte Alto foron as que convocaron para este sábado unha marcha cidadá para demandar a "devolución gratuíta" ao patrimonio municipal de catro terreos cedidos a Defensa, na que tamén participou o candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego.
Entre as súas reclamacións, o portavoz da organización, Ricardo Vales, destacou a necesidade de recuperar eses terreos para "o uso público". Asegura que só é unha "cuestión de vontade política" porque xa se fixo máis veces noutras ocasións.
Pola súa banda, Néstor Rego anunciou que a representación de Galicia no Congreso, co BNG, suporá a defensa destes terreos e edificios que o Ministerio xa non utiliza e que foron "bens comunais".
Así, o candidato sumará esta ás primeiras reivindicacións que ten pensado facer cando chegue a Madrid. Ao seu xuízo, "non é admisible que Defensa pretenda facer caixa e especular con estes terreos", en lugar de "darlles un uso público que beneficie" a cidadanía coruñesa.
O obxectivo fundamental desta mobilización é "seguir insistindo" nesta idea e "protexer a cidade dos cálculos especulativos" do terreo, repetiu Vales, porque tamén "é unha reivindicación histórica da Coruña que se remonta a plenos municipais de 1858".
A pesar da mala climatoloxía, a marcha iniciouse ás 12,00 desde os Xardíns de Capitanía. A camiñada fixo paradas no cuartel de Atocha, os terreos da Maestranza e nun edificio da rúa Adelaida Muro. Todos eles son terreos que a plataforma quere recuperar para "o seu uso público".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.