Suspendido de novo o profesor da USC que defendeu a 'La Manada' por referirse ao escote dunha alumna

O pasado mes de maio foi detido por un suposto delito de violencia machista.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 10:47

Comparte esta noticia

O profesor da Universidade de Santiago (USC) Luciano Méndez foi suspendido de novo das súas funcións por facer referencia nunha clase ao escote dunha alumna como na anterior ocasión na que fora sancionado polos mesmos feitos. Así o confirmaron a Europa Press fontes da USC, que explicaron que o reitor da USC, Antonio López, acordou a suspensión de funcións deste profesor que "non pode exercer a función docente".

Ao mesmo tempo iniciouse un expediente sancionador en relación aos feitos denunciados por unha alumna de Luciano Méndez. En caso de ser sancionado, sería a segunda ocasión na que xa é suspendido por alusións ao escote doutra estudante. Luciano Méndez, coñecido ademais por unha serie de vídeos colgados en redes sociais nos que apoiaba a 'La Manada' e criticaba á vítima, foi detido o pasado mes de maio por un suposto delito de violencia machista.

En xuño do ano pasado, Luciano Méndez fora arrestado despois de agredir a dous axentes da Policía Nacional nun altercado en relación co vehículo do profesor, cando un policía lle foi advertir de que non se podía aparcar na zona da comisaría e que os mandos a distancia dos vehículos non funcionan polo inhibidor. Entón, Méndez Naya foi detido pola Policía Nacional polos delitos de lesións e atentado á autoridade tras agredir a dous axentes deste corpo policial, que resultaron feridos.

EXPEDIENTE

No seu día, ademais, a USC abriu un expediente informativo a Luciano Méndez Naya, quen, pola súa banda, se reafirmou nas súas declaracións de apoio a 'La Manada' en vídeos colgados en redes sociais. O expediente informativo aberto pola USC foi remitido á Fiscalía para pescudar se das súas declaracións podían derivarse actuacións penais. No entanto, non se impuxo ao docente ningunha sanción, xa que as consideracións foron feitas nun marco privado.

Con todo, xa foi sancionado anteriormente con dous meses sen emprego e soldo por facer comentarios sobre o escote dunha alumna en clase, feitos similares aos denunciados esta semana por outra estudante.

Luciano Méndez, profesor da USC
Luciano Méndez, profesor da USC | Fonte: youtube.com

"GRAVIDADE E REITERACIÓN"

A Universidade de Santiago (USC) xustifica na "gravidade e reiteración" de feitos a suspensión das súas funcións. Así o sinalou este mércores, en declaracións aos medios o reitor da USC, Antonio López, quen destacou que "este tipo de actuacións" por parte do mesmo profesor "xa foron obxecto dunha sanción previa".

"Son feitos que hai que tratar de erradicar desta universidade. Son feitos moi graves", resolveu López.

"Para garantir o bo funcionamento do servizo, evitar que se poidan repetir este tipo de actuacións e reaccionar ante esta preocupación, acabamos de resolver, sen prexuízo a que se abra un proceso sancionador, suspender preventivamente das súas funcións", explicou o reitor da USC.

Iso foi comunicado ao docente, así como e ao decano da facultade e á directora do departamento "para que adopten as medidas oportunas e siga funcionando con normalidade a docencia, pero que sexa asumida por outros profesores en tanto se inicia e se resolve este proceso sancionador".

Neste sentido, o reitor aclarou que esta medida provisional de suspensión de funcións decidirase se se mantén, modifica ou revoga "cando se adopte a resolución de inicio do expediente", o que se fará nun prazo "moi breve", abundou. Antonio López incidiu en que "a resolución definitiva lle corresponde ao procedemento sancionador". "Nós estamos só adoptando a medida cautelar", apostilou.

Preguntado sobre se será expulsado o profesor, o reitor da USC aclarou que "iso é cousa que hai que analizar no procedemento sancionador". "Será dentro de moi poucos días cando arrincará o proceso sancionador", insistiu para lembrar que a resolución da suspensión de funcións foi asinada na mañá deste mércores.

Por iso, insistiu en que se trata de "actuacións provisionais" porque "non se dá por feito nada", pero "visto as aparencias dos feitos e polo bo funcionamento do servizo" adoptouse a decisión. "O instrutor do procedemento analizará as probas", concluíu para apuntar que iso levará a cabo "o máis pronto posible".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

1 FGT

Ten toda a pinta de que lle tenderon unha trampa e mordeu o anzuelo. Eu no seu caso adicaríame a denunciar a corrución na universidade, como se dan as prazas a dedo ou o que saiba.

1 Eunon

Faino, denuncia, ... a que esperas?

2 fgt

Eu non traballo na universidade nin estou nos segredos, pero que hai corrución é evidente: convócase a praza de fulanito que de xeito sistemático obtén fulanito. A situación nos rankings parece elocuente neste sentido: non teñen praza fixa os mellores, senón os mellor relacionados.

3 eutampouco

Déixate de lerias, faino e punto.Faino anda, faino.

4 Sentidiño

E quen lle puxo a trampa? A alumna vítima nesta ocasión, a alumna vítima hai dous anos, os dous policías que feriu o ano pasado, a exparella que o denunciou este ano, ou o excelentísimo señor reitor magnífico? Non te pillo...