A río revolto ... gana Feijóo

Están á volta da esquina as eleccións autonómicas, e o panorama electoral galego amósase tremendamente dividido, especialmente pola esquerda.

Por Blas García | Boiro | 15/06/2012

Comparte esta noticia
A día de hoxe aínda non se sabe cal vai ser a data do Día D, e como é lóxico tampouco se sabe con seguridade cantas son as formacións que concurriran ás eleccións; pero, todo indica que pola banda da esquerda nacionalista serán máis das que deberían, polo menos para intentar conseguir un resultado que permita desaloxar de Monte Pío ao actúal presidente da Xunta.
 
Ás xa tradicionais forzas de esquerdas: PSdeG, BNG e EU, parece que se van a engadir dous novos partidos xurdidos das divisións internas do Bloque. Por un lado Compromiso por Galicia (CxG), liderada pola ex conselleira de Vivenda, Teresa Táboas; e polo outro Novo Proxecto Común (NPC), que encabeza o histórico Xosé Manuel Beiras. Seguramente a ninguén se lle escapa que este amplo abano de opcións posibilitará que os votantes de esquerdas –ou progresistas, como se lle chama agora- repartan o seu voto, logrando así que o gran beneficiado sexa o Partido Popular, única formación que se presenta pola súa banda ideolóxica, coa excepción de UPyD que é unha forza políticamente indefinida.
 
Non cabe dúbida que Feijóo estará exultanten ante o panorama que se lle presenta e mira desde o seu sillón presidencial como día si e día tamén se presentan formacións progresistas ou se enzarzan en inútiles discusións amosando as súas diferencias publicamente. A división do BNG xa representaba un lastre importante para as aspiracións de desaloxar da Xunta ao Partido Popular, que se atopa en horas baixas pola situación actual de crise que se sufre no Estado, e que en Galicia é máis patente si cabe porque xa levamos case unha lexislatura completa sufrindo a súa nefasta xestión.
 
Pero, pode ser que, a pesares da política de austeridade aplicada por Feijóo e que o levou a un enfrontamento con boa parte da sociedade galega orixinando un enorme descontento, ou das mentiras e as falsas promesas, ou o incremento incesante do paro, ou a reducción dos servizos básicos, ou o espolio consentido nas caixas galegas, etc. etc. saia victorioso novamente grazas ás vanidades e aos egos existentes actualmente na esquerda nacionalista galega e a falla dunha oposición firme e con criterio.
 
Pero, imaxinemos que chegue o día do reconto e o PP perda a maioría absoluta. Sería posible chegar a un acordo estable de goberno entre as forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia? Poderían formar parte dun mesmo goberno os Irmandiños e a UPG despois de todo o acontecido? A formación dun goberno sería complicada e o seu desenvolvemento no tempo aínda moito máis.
 
Sería un desatre para Galicia e para os galegos e as galegas que Feijóo e o Partido Popular nos volvesen a gobernar, pero realmente o panorama preséntase complicado se non son capaces entre as forzas de esquerdas e sobretodo aquelas que ideoloxicamente están máis próximas de fixar un punto de achegamento para intentar presentarse unidas á cita electoral. Canto máis se divida o voto máis posibilidades ten este País de seguir gobernado polos que recortan en sanidade e en educación, polos que menosprecian aos traballadores, polos que censuran e persiguen a nosa lingua e a nosa cultura, ... ; e por iso é necesario deixarse de mirarse o embigo e traballar para chegar a consensos. www.blasgarcia.com/ blog@blasgarcia.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Blas García Blas García Piñeiro, nado en Cespón (Boiro) no ano 1969, aínda que agora vive en Ames. Estudiou Filoloxía Hispánica. Militante do PSdeG. Foi concelleiro en Boiro e Sº Xeral do PSdeG-PSOE de Boiro e da comarca do Barbanza. Na actualidade é Responsable de Comunicación dos Socialistas de Ames. A súa actividade profesional desenvólvese no mundo das redes sociais e a comunicación 2.0. Podes seguilo en www.blasgarcia.com