Como xogar co diñeiro público e dar facilidades para o desembarco das multinacionais sanitarias en Galicia

Hospitais e clínicas privadas están sendo compradas por corporacións internacionais alleas a Galicia. Os traballadores da sanidade pública temen que isto afecte aos hospitais onde traballan. Unha situación que tamén toca de chego á xestión que a sanidade pública fai dos recursos de todos os galegos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os profesionais da sanidade galega están vendo con preocupación a venda de hospitais privados a empresas foráneas. O motivo non é outro que o desembarco de multinacionais sanitarias. Temen ademais, que o diñeiro público que debera ir á sanidade pública acabe alimentando un sistema de concertos entre Sergas e estas empresas.

Complexo Universitario da Coruña / Sergas Hospital da Coruña, CHUAC A Coruña / Sergas
Complexo Universitario da Coruña / Sergas Hospital da Coruña, CHUAC A Coruña / Sergas

Por iso, nos últimos tempos teñen proliferando multitude de protestas. Protestas e folgas dentro do sector sanitario público en Galicia que teñen, entre outros obxectivos, denunciar o que consideraban a mala xestión do actual goberno autonómico.Todo isto, mentres hospitais concertados reciben recursos orzamentarios, teoricamente, para reducir listas de espera.

SOS SANIDADE PÚBLICA

Manuel Martín, de SOS Sanidade Pública, responde cun “evidentemente” cando lle preguntan se o mercado de centros privados en Galicia está aberto. O factor determinante para Martín é “a política activa que ten a Consellería de Sanidade de aumentar os concertos para derivar usuarios do sistema público ao privado”.

As derivacións a centros privados obedecería sobre todo ao adelgazamento das listas de espera. Moitas destas derivacións aplicábanse a cirurxías de pouca complicación. “Hai pouco en Coruña, asinouse un acordo para a adxudicación de paquetes enteiros coa privada de atención hospitalaria, iso implica cirurxía, medicina interna, consulta externa e diagnose”, declara Martín.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante a comparecencia.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante a comparecencia.. XUNTA

As condicións e facilidades para o acceso a fondos públicos, denuncia SOS Sanidade Pública, é un reclamo magnífico para o investimento en infraestruturas sanitarias. “A corporación HM Hospitales, mercou dous centros en Santiago, A Rosaleda e A Esperanza, e A Modelo en Coruña, e desde logo non fan ese investimento sen ter garantido un número importante de usuarios” describe Martín. 

Ademais de HM Hospitales, tamén ten feito investimentos e compras en Galicia a cadea Quirón. Este grupo é agora titular do sanatorio Domínguez en Pontevedra e Santa Teresa en Coruña. O  proxecto de ampliación do hospital de Pontevedra, que buscaba unir o antigo hospital provincial e o de Montecelo, non satisfaría as demandas de camas para a zona sanitaria de Pontevedra, segundo SOS Sanidade Pública, así que acabarían derivando usuarios a Quirón. E por último, a empresa Vithas mercou o centro Fátima en Vigo.

SANIDADE PRIVADA EN GALICIA

A sanidade privada en Galicia existe desde sempre, mais tamén houbo intentos de privatización da pública con anterioridade ao que sucede agora. “Foi cando se crearon as fundacións públicas que operaban dentro do dereito privado, querían unha especie de híbrido” di Javier Martínez de UGT.

Martínez remarca que “a sanidade privada en Galicia non podería vivir se non tivese concertos co Sergas”. O portavoz en Sanidade de UGT insiste, “mesmo os directivos da privada recoñecen que o máis rendible para eles son os procesos simples, os procesos máis complicados van para a sanidade pública, por falta de rendibilidade ou que non poden abordar algúns procesos”.

Os procesos simples aos que quere ir a privada son os de escasa hospitalización, rápida intervención cirúrxica e sería un proceso complicado cando lles xera máis gastos. Todo isto faise mediante un prezo taxado, como se calcula? “supoñemos que terán as súas medias feitas, mais como cada persoa é diferente e pode evoluír de maneira diferente á mesma intervención, o que evolúe mal xera máis gasto”, contesta Martínez.

Desde UGT entenden que a sanidade privada podería ser un elemento que absorbese o que a pública non puidese atender. “Canto menos invistas en sanidade pública e peor xestiones, os beneficios van para a privada”.

Para quen defende a sanidade pública, non sería sorprendente que todo este trasvase de diñeiro e usuarios dun sistema público a outro privado, acabase cun resultado de “portas xiratorias”. “É algo que vemos todos os días, iso é poñer o raposo coidar do galiñeiro” di Martínez.

POVISA, O PARADIGMA

O concerto singular entre Sergas e a clínica Povisa de Vigo, implicou o ano pasado un investimento de 80 millóns de euros xunto a unha redución do gasto en medicamentos. O caso foi levado ao Consello de Contas de Galicia, que denunciou as prácticas da Xunta con Povisa. “A empresa Ribera Salud, propiedade da aseguradora norteamericana Centene, merca o centro vigués por 24 millóns de euros” di Manuel Martín. A compra saiu barata en comparación cos orzamentos enviados desde o Sergas. “Polo prezo que costou, a administración podía comprar Povisa”.

Cal foi o motivo polo que Povisa pasou a mans de Ribera Salud? “Alegan que teñen perdas, mais o que lle pagaban a Povisa por usuario era moito máis que o que pagaban aos hospitais públicos” di Javier Martínez. “Posiblemente queren traballar só no sector navieiro” di Chus Neira, do comité de empresa de Povisa da CIG.

“O ano pasado fixeran un pre-concurso de acredores, chegaron a un acordo para que o Sergas se fixese cargo da farmacia de alto impacto, tamén tiveron máis vantaxes do acordo, por iso non entendemos que acabaran vendendo” di Neira. A maiores, Povisa recibiu este ano un millón de euros para axudar a rebaixar as listas de espera da EOXI de Vigo, os hospitais do Sergas, segundo nos di Neira. Povisa ademais conta co concerto máis grande de España en canto centro privado de saúde coa administración pública. O número de usuarios e usuarias que ten asignado é de 137.000.

“Non temos moita información sobre Ribera Salud, agás que só traballan co sistema público, por concesión administrativa” di Xurxo Cabral de CCOO. Sobre as condicións da venda, Cabral tamén incide que non lles transmitiron nada. “Tivemos unha reunión coa dirección saínte o día despois que saíra a noticia da venda, preguntamos se nos ían informar e a resposta foi que a seguinte reunión sería cos novos directivos”. A dirección saínte avisou que todo estaría asinado a mediados de novembro.

Outro temor dos profesionais da medicina é que todas estas operacións acaben formando un oligopolio de empresas sanitarias que non permitiría a competencia. O diñeiro público, a facilidade coa que o Sergas inviste recursos nos hospitais privados, son para as persoas consultadas, os grandes reclamos para as multinacionais da sanidade.

Galicia Confidencial contactou con Ribera Salud. A empresa respondeu que non dirá nada ata que toda a documentación estea lista e envíen un comunicado de prensa para anuncialo. Tamén se contactou co Sergas, mais non houbo resposta.

Povisa
Povisa | Fonte: Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta