A D.O. Rías Baixas acusa de "inxustos e desproporcionados" os aranceis impostos por Estados Unidos

O conselleiro de Medio Rural, José González, coincidiu en que a medida é "inxusta" e indicou que a Xunta de Galicia xa encargou un informe xurídico para estudar como van afectar estes aranceis aos viños galegos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2019 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Juan Gil de Araújo, trasladou este mércores a "preocupación importante" do sector polos aranceis que Estados Unidos aplica desde outubro aos produtos agrícolas da Unión Europea. Unha medida que valorou como "inxusta, selectiva e desproporcionada" e que afecta especialmente o viño albariño.

A medida pode implicar unha subida de prezos en destino que podería reducir as vendas, pero por parte do sector importador en Estados Unidos téntase que as taxas do 25% sexan asumidas conxuntamente polas adegas, os exportadores e os distribuidores, para evitar repercutir ese aumento do prezo final, sinalou.

Segundo os datos facilitados este mércores nunha rolda de prensa celebrada na sede do Consello Regulador, no Pazo de Mugartegui de Pontevedra, na campaña 2018-2018 esta Denominación de Orixe exportou 2,3 millóns de litros a Estados Unidos, esta cifra supón o 29,04% do total das súas vendas ao exterior.

Gil de Araújo destacou que levan 16 anos exportando a Estados Unidos, un mercado no investiron seis millóns de euros, polo que demandou ás autoridades españolas e europeas que "negocien con forza" para tentar reducir o impacto que suporán os aranceis impostos polo goberno de Donald Trump.

Nesta rolda de prensa, o conselleiro de Medio Rural, José González, coincidiu en que a medida é "totalmente inxusta" e indicou que a Xunta de Galicia xa encargou un informe xurídico para estudar como van afectar estes aranceis aos viños galegos e pediu ao Goberno estatal que colabore para reverter a situación.

José González mostrouse convencido de que o albariño exportado a Estados Unidos é un produto con "alto valor engadido" que poderá "soportar mellor esta situación", en tanto que a súa "singularidade" axudará a que os clientes non deixen de consumilo a pesar de que o seu prezo, xa de seu elevado, poida incrementarse.

BREXIT

O segundo mercado da D.O. Rías Baixas tras Estados Unidos é o Reino Unido, ao que na campaña 2018-2019 se exportaron 1,8 millóns de litros, o 23,32% das vendas ao exterior. A anunciada saída do Reino Unido da Unión Europea, o Brexit, non afecta, de momento, apuntaron. Gil de Araújo espera que a Unión Europea sexa capaz de negociar co Goberno británico que, se finalmente sae o Brexit, se manteña a liberdade comercial actual.

Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas incrementaron as súas exportacións na última campaña (1 de setembro de 2018 a 30 de agosto de 2019) tanto en volume como en valor. No primeiro caso, o aumento supón un 8,9% máis sobre a campaña anterior, e alcanza os 7.803.035 litros vendidos nos mercados internacionais, mentres que no segundo logra unha subida do 12,57%, ao chegar aos 43.795.371,41 euros. O crecemento das vendas ao exterior con respecto á campaña anterior supón case cinco millóns de euros, cun prezo medio por litro de 5,61 euros, un crecemento dun 3,31%.

Os viños de Rías Baixas véndense na súa totalidade embotellados (10.404.046 botellas nesta campaña). O principal destino destes caldos por volume é o mercado dos Estados Unidos, seguido por Reino Unido, Alemaña, Puerto Rico, Irlanda, Canadá, México, Holanda, Suecia, e Rusia, sinalaron. Na actualidade, os viños das adegas da D.O. Rías Baixas están presentes en máis de 70 países, repartidos no cinco continentes.

Rolda de prensa da DO Rías Baixas en Pontevedra coa presenza do conselleiro de Medio Rural.. DO RÍAS BAIXAS
Rolda de prensa da DO Rías Baixas en Pontevedra coa presenza do conselleiro de Medio Rural.. DO RÍAS BAIXAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta