Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/11/2019 | Actualizada ás 17:20
Unha delegación integrada por representantes veciñais e socios que se opoñen á reapertura da mina de Touro (A Coruña) viaxará ao Parlamento Europeo co obxectivo de que a comisión de peticións manteña abertas as denuncias que se tratarán na sesión do próximo martes.
"Igual que conseguimos que a denuncia polo mal estado da ría do Burgo quede aberta e que unha delegación de eurodeputados a visitase para comprobar a súa contaminación, desde o Bloque queremos que a denuncia sobre a mina de Touro quede aberta e sexa visitada por unha delegación da Eurocámara para que investigue a contaminación que causa", subliña a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda.
Segundo destaca, o compromiso do Bloque coa paralización deste proxecto mineiro, a través do grupo Verdes-ALE, é "firme e inequívoco". Así, alude ao traballo para que este tema sexa incluído na axenda da comisión de peticións do 12 de novembro.
A portavoz dos nacionalistas en Europa explica que a delegación que se desprazará a Bruxelas manterá unha reunión de traballo coa eurodeputada dos Verdes-ALE Tatjana Zdanoka, vicepresidente da comisión de peticións.
A xuízo de Miranda, é "fundamental que os problemas de contaminación que se producen pola megaminería se escoiten en Europa". "Parécenos lamentable que o Goberno galego non faga nada respecto diso", critica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.