Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2019 | Actualizada ás 10:00
Un total de 2.237.423 galegos están chamados ás urnas o 10 de novembro para elixir aos 23 deputados e 16 senadores que representarán ás catro provincias nas Cortes Xerais, o que supón 3.193 menos que nas eleccións xerais do mes de abril.
A este total de electores hai que sumar os 461.225 (3.316 máis que os 457.909 de abril) do censo de residentes ausentes (CERA), que tamén foron chamados a votar. Deles, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), aceptouse o voto de menos de 28.000.
En canto aos máis de 2,2 millóns de electores restantes, 928.251 correspóndense coa provincia da Coruña; 772.766, coa de Pontevedra; 277.229, con Lugo; e 259.177, coa de Ourense. Do total de electores, 11.371 son novos que votan por primeira vez ao cumprir 18 anos desde os últimos comicios de abril. Por provincias a repartición é o seguinte: A Coruña (4.674), Pontevedra (4.524), Lugo (1.114) e Ourense (1.059).
Sobre o voto por correspondencia, a data do venres, o INE facía constar que máis de 59.000 electores residentes nas catro provincias galegas cursaron a solicitude para votar por correo. Correos ratificou, coa mesma data do venres, que xa custodiaba o voto de 44.301 galegos.
SEGURIDADE
Máis de 7.045 axentes de diferentes corpos de seguridade, uns 130 máis que o 28 de abril, velarán este domingo, 10 de novembro, en Galicia para que a xornada electoral transcorra con normalidade.
Todos eles, conforme destacou a Europa Press o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, encargaranse de que sexa unha xornada "tranquila, segura" e "sen incidencias". Ademais, representarán á Administración 2.613 persoas nos distintos locais (nove menos que en abril), e na Delegación do Goberno e o catro subdelegacións traballarán unhas 300 persoas.
En total, segundo os datos da Delegación, serán case 10.000 persoas as que se aseguren de que todo funcione de maneira correcta o domingo. "Esperamos que sexa unha xornada tranquila e segura, sen máis incidencias que as pequenas anécdotas habituais de cada domingo electoral", destacou o delegado, que pediu "paciencia" a "todos aqueles que se atopen colas e, que teñen algún contratempo".
Precisamente, animou a aqueles que teñan "algún contratempo" a notificalo a "calquera das persoas do dispositivo, que están listas para axudar e solucionar eventualidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.