Vídeo | Así é a refinada linguaxe das campás, o 'WhatsApp' da vida nas aldeas

'Quen morrería?'. É a pregunta sistemática que xorde ao escoitar o son das campás. Detrás delas agóchase todo un sistema de códigos, toda unha simboloxía, toda unha forma de vida. Antes marcaban ata as xeiras do traballo e sobre elas pousábase a atenta escoita da veciñanza da aldea. Hoxe os usos mudaron, pero seguen chamando pola xente. Eis o labor dos que foron e son campaneiros, dos que as tocan e dos que as oen soar.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2019 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

- Mira, seilles poñer nome. Acórdome de Esperanza de Rama, de Pepa, de Marica... Ían ó xornal e nunca un reloxo tiveron. Era incrible. Á Pepa dicíaslle: 'Pepa, que hora será?' E respondíache: 'Pola altura do sol... deben ser as seis'. Nós, uns rapazucos, tampouco tiñamos con que constrastalo, pero ela dicíacho con tal precisión que a nós convencíanos. Pepa sempre sabía que hora era! 

O campanario de Xanceda -Mesía-
O campanario de Xanceda -Mesía- | Fonte: GC

Toñito Grobas, antigo sancristán e campaneiro de Xanceda (Mesía)

Hoxe xa non quedan moitas Pepas que midan as horas pola altura do sol. Os tempos cambiaron dende aquela... E tamén os xeitos de calculalos. Antes, o día configurábase en torno á luz: ela decidía cando se debía comezar o traballo no campo e cando se debía un recoller ao abrigo. Mais non era a única co poder dos tempos: as campás funcionaban como un elemento básico da estruturación das vidas. Marcaban as xeiras do traballo. O seu son contundente viaxaba por toda a aldea para avisar dos acontecementos máis importantes, entre eles, a hora do xantar.

- Ese non podía fallar. Era incrible a cantidade de xente que estaba pendente daquela campá da unha. Servía para que os que andaban no xornal souberan que tiña que largar para xantar. Cumpría unha función moi importante, pero cando puxeron a fábrica de cerámica de Visantoña, ese toque perdeuse. A fábrica tiña unha sirena que tocaba cunha forza desproporcionada e sentíase en toda a redonda. Despois o colexio tamén puxo sirena... E logo tamén chegaron os reloxos, claro.

O toque da unha, fundamental, coñecíase na parroquia como "a xeira do cura". Tamén o repenicaban, nalgúns lugares, á mañá cando saía o sol - toque de Alba - e á noite - Toque de Ánimas -. Toñito aínda recorda cando era cativo e lle pedía ao mestre para saír cinco minutos antes da escola e chegar a tempo ao campanario. Ese toque tiña que ser exacto, milimetrado.

O 'WHATS APP' DA ÉPOCA

Cando falamos das campás non só falamos de eventos relixiosos. Eran a ferramenta de comunicación para toda unha comunidade, identificaban unha parroquia enteira. Cada toque significaba súa cousa. "Tratábase dunha linguaxe moi refinada que chegaba a marcar incluso o estado civil ou a cofraría dun falecido", explica o antropólogo Rafael Quintía. Tocábase nas festas, marcábase cando había néboa na costa, ou para avisar dun incendio, mesmo para escorrentar os nubeiros e as tronadas. Tiña un poder esconxurador. 

- Eu toquei unha vez por lume, cando prenderan os eucaliptos todos que hai indo para Mesía. Foi tremendo. Pensabamos que chegaba aquí porque daquela non había tantos bombeiros coma agora. Tivera que ir a xente apagalo. E eu fora tocar o arrebato. Tocas e tocas ata que che veñen preguntar que pasa.

"Era o Whats App da época", di Quintía riseiro. Calquera nova ou suceso comunicábase a través delas. Ademais, as campás estaban asociadas a moitas crenzas populares, aínda hoxe. Na nosa propia mitoloxía, cando se fala das cidades asolagadas, sempre se di que hai un día - o de San Xoán - no que se escoita resoar a campá baixo as augas. "O seu son indica que a comunidade perdura". Todo un mundo simbólico as rodea.

OS ESTADOS DE ÁNIMO

Elas, perante todo, son un instrumento musical. Precísase ter bo oído para mover o badal co ritmo exacto en cada momento. "Como soe vai depender do tamaño da campá, da fundición, de como se toque, das condicións climáticas...", conta Quintía. Por iso existe, tamén agora, a crenza de que ás veces as campás choran. 

- A campá pequena ten un tañido lastímero. Dicían que era de mal agoiro polo tremendamente triste que soa. Cando os toques son para dar os sinos dun morto talmente soa coma se laiara. A ti, que estás tocando, róete, chégache.

Doutras, as campás adquiren un son máis vigoroso, máis alegre. Os repeniques das festas son auténticos espectáculos que chaman á troula ata á veciñanza do lugar máis remoto da aldea. Antigamente había campaneiros que mesmo tocaban as xeiras das misas con xotas e muiñeiras. Manola Ares, veciña de Xanceda -Mesía- lémbrao coma se fora hoxe: "O noso campaneiro Emilio dáballe á xota e á muiñeira. Acórdome que as nenas que estabamos darredor subiamos á lápida de Carmelucha e alí bailabamos. Tocaba máis ben...". 

FIGURA DO CAMPANEIRO

O de campaneiro é un traballo escravo, atado e perigoso. En calquera momento a parroquia te pode solicitar e subir ata o tellado da igrexa para repenicalas non é cousa sinxela. Ademais, nada cobraban, máis ca o que lle querían dar. Toñito comezou a tocar no 1969, aos seus trece anos, e polo que calcula, debeuno deixar "no 75, cando morreu Franco". Durante eses anos integrou no seu día a día as rutinas propias do oficio de campaneiro.

- Imaxínate: ás sete da mañá, noite pecha de xiada, pedra de cantería arriba do tellado... E daquela tampouco había linternas como hai agora. Eu tiña sempre unha vela onde había a auga bendita, collíaa e levábaa ata o final das escaleiras, e despois subía sempre polos tentos. Tentando para arriba. Non te matabas de milagro! Había que subir unha trapela de madeira cuberta de cinc... E claro, como ías coa roupa dos domingos tiñas moito tino de non te manchar. Iso tamén complicaba a cousa!

Cando era primavera, a Toñito gustáballe quedar enriba do campanario. Conta que as vistas eran unha auténtica chulada. Dende o alto, mesmo chegou a ver os famosos fogos fatuos ou fogos de San Telmo: o fósforo dos ósos dos mortos, en determinados días con pouca humidade, fan chispiñas cara ao ceo que semellan auroras boreais. Cando arrepiaba de frío, quedaba na casa de enfrente á Igrexa para botar uns contos entre toque e toque.

- Na casa de Patiño sempre había un pucheiro con café ao lume. Cando eu baixaba de tocar a primeira ás sete da mañá, ía para alí. Viña Jesusa cun ghalleto con toxo e botábao na lareira. Aínda había as brasas da noite... E aquilo... Vaia lapas criminais! Tomaba o café alí con ela e volvía para o campanario tocar a segunda xeira.

Os contos de hoxe son diferentes. Agora o peso da Igrexa diminuiu, xeráronse novas formas de comunidade e foise perdendo o coñecemento desta linguaxe. "Se ti non coñeces os códigos, por moito que soe a campá, non vas entender o que está dicindo", relata o antropólogo. Vaise perdendo tamén o labor de campaneiro: asistimos á automatización devagar dos sistemas de toques. A sociedade capitalista mecaniza, e as campás non se libran destes procesos. Nas pequenas aldeas cada vez queda menos xente, poucos queren tocar e poucos precisan escoitalas. Segundo Quintía, cumpría que este patrimonio inmaterial de gran valor se conservara no tempo. "Como ben cultural que é, paga a pena coñecer a súa linguaxe".

O contexto non favorece, pero hai rapaces que medraron ao carón das campás e que con convencemento decidiron continuar a tradición. É o caso de mozos como Diego Sánchez e Michel, que se animan a tocar na víspera e no día propio da festa en Albixoi -Mesía-. "Cando botaban as bombas - nós teriamos 12 ou 13 anos - dicíannos: 'dálle aí que non pasa nada!'. E dálle, dálle... Agora cando non hai quen as toque, subimos nós. Se non soa dunha maneira soa doutra", conta Michel. "Trátase de seguir un compás, cada un ten o seu estilo. Tamén é un tema de compañeirismo, mais non queda xente que se anime a tocar, xa a ninguén se lle ocorre", continúa Diego.

A pesar da perda, a campá hoxe en día segue tendo un gran poder de convocatoria nas aldeas. Séntese a campá e a veciñanza ponse alerta. 'Quen morrería?', 'Que pasaría?'. José Manuel e Luís Ríos, os dous campaneiros da parroquia de Mesía, din que a xente xa non espera a intentar comprender o toque para saber que significa. Todos pasan por aviso de morte.

É significativo o que aconteceu logo de grabar os tres toques de campás con eles. En non máis de dez minutos unha veciña e tres veciños viñeron ata a Igrexa: "E logo quen morreu?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Pois mui interesante, o artigo e mais os videos.