Tomban unha proposta de En Marea para que un goberno en funcións poida actualizar as entregas a conta

Os votos do PPdeG serven para rexeitar unha proposición "innecesaria" e "incorrecta tecnicamente", segundo Puy.

Por E.P. | | 12/11/2019 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O Parlamento galego tombou, cos votos en contra do grupo maioritario (PPdeG), unha proposición de modificación lexislativa a remitir ás Cortes do Estado presentada por En Marea que pedía cambios na lei para que un goberno en funcións tivese capacidade para garantir o funcionamento financeiro das comunidades en ámbitos como a actualización das entregas a conta, a devolución das mensualidades do IVE e os incentivos por cumprimento de déficit.

A proposición lexislativa foi debatida ao comezo do pleno que na mañá deste martes arrincou no Pazo do Hórreo, que vive a primeira sesión tras as eleccións xerais do pasado domingo. Finalmente, a proposta do mixto, defendida polo seu portavoz, Luís Villares, foi rexeitada ao oporse o PPdeG, que tachou de "innecesaria" e "incorrecta tecnicamente" a iniciativa. Mixto e Común da Esquerda votaron a favor, mentres que PSdeG e BNG optaron pola abstención.

Villares, que iniciou a súa intervención cunha análise sobre o panorama político que deixan as eleccións do domingo (ás que non se presentou o seu partido, En Marea), xustificou a proposta entendida como unha acción para tentar paliar os "efectos secundarios negativos para a poboación" que, di, provocan os gobernos en funcións.

"Un dos máis sobresalientes é a alteración do deseño do Estado das autonomías ao condicionar o ciclo de elaboración orzamentaria e o ciclo normal de gasto por parte das comunidades autónomas", engadiu o maxistrado, que apelou a non recorrer a "solucións conxunturais" como a actualización das entregas a conta a través dun decreto lei, como realizou o actual goberno en funcións presidido por Pedro Sánchez.

700 MILLÓNS

Durante os últimos meses, a Xunta reclamou de maneira insistente ao Executivo central dita actualización das entregas a conta, a devolución das mensualidades do IVE do ano 2017 e os incentivos polo cumprimento dos obxectivos de déficit; todos eles conceptos que, segundo o Goberno galego, ascenden a 700 millóns que o Estado debe a Galicia.

Finalmente, tras un informe favorable da Avogacía do Estado, o Goberno en funcións desbloqueou a través dun decreto lei o abono ás comunidades da actualización dos incentivos a conta, concepto que polo que a Galicia lle corresponde 330 millóns. Con todo, a Xunta continúa reclamando os 370 millóns restantes polo IVE e os obxectivos de déficit.

PPDEG: PROPOSTA "INNECESARIA"

En palabras de Pedro Puy (PpdeG), a proposición de En Marea "non é necesaria" porque "pese ao teatrillo" do goberno de Pedro Sánchez, "demostrouse " que podían desbloquear as entregas a conta a pesar de estar en funcións. Ademais, tamén puxo o foco en que a formulación do texto "non é correcta tecnicamente", xa que "nin sequera" fai referencia á "obrigatoriedade" para o goberno en funcións de quenda.

Pola súa banda, Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) manifestou que "é lexítimo" que se presenten leis na Cámara autonómica para o seu traslado ás Cortes e "tamén" que unha forza política "non se presente ás eleccións", aínda que "as dúas combinadas, rechina un pouco"; espetou en alusión a En Marea.

Neste punto, subliñou que o problema "de fondo" debe afrontarse a través da modificación do sistema de financiamento autonómico. Ademais, tras destacar que as entregas a conta ás comunidades é un asunto "resolto", asegurou a devolución do IVE require "un goberno en plenitude" e os incentivos polo déficit "non" ven "base legal" para axustalo.

Manuel Lago (Común da Esquerda) tamén criticou a proposta do mixto ao cualificala de "simplista" porque "non é unha cuestión de competencias" senón de "vontade" do goberno de quenda "como demostra o real decreto que aprobou en funcións". "Se non o fai é porque non quere", resolveu.

Por último, Noa Presas (BNG) cre que "a cuestión de fondo" non é "un problema de fondos normativos", senón "a falta de poder político" de Galicia, cuxo goberno "non soubo" defenderse "da chantaxe" do Goberno central co asunto das entregas a conta.

O portavoz do grupo mixto e de En Marea, Luís Villares, nunha rolda de prensa. EN MAREA
O portavoz do grupo mixto e de En Marea, Luís Villares, nunha rolda de prensa. EN MAREA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta