'Fariña' salta ao cómic: "En España están instaladas case todas as mafias do mundo"

"Hai unha percepción errónea de que o narcotráfico é algo do pasado, cando en Galicia segue sendo un problema e unha realidade", asegura Nacho Carretero.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/11/2019 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O debuxante Luís Bustos adaptou a novela gráfica 'Fariña' (Plan B), a obra de Nacho Carretero sobre o narcotráfico en Galicia que, nesta edición, inclúe un epílogo do propio autor abordando entre outros temas "as miserias e os capítulos escuros" da actual España.

"En España están instaladas case todas as mafias do mundo. Na Costa do Sol, no Levante, no Estreito... Hai tiroteos con certa regularidade e a xente está a dar estes casos como algo normal ou sobreentendido", alertou Carretero durante a presentación da novela gráfica.

De feito, o xornalista galego cre que esta situación é idónea para inspirar novas crónicas xornalísticas que poidan "irmandarse" co audiovisual. "Se o Estreito de Xibraltar estivese en Estados Unidos habería películas, series e novelas. Creo que en España aínda hai moito percorrido para estas historias", sinalou.

A novela gráfica de 'Fariña' sairá cunha tirada inicial de 10.000 exemplares e con case a metade de páxinas que a obra orixinal --128 páxinas--. A obra de Carretero, publicada por Libros del K.O. e que chegou a estar secuestrada por un xuíz, xa alcanzou os 160.000 exemplares vendidos e foi traducida a diversos idiomas.

ACABOUSE O TEMPO DE 'SITOS MIÑANCOS'

Neste novo epílogo, Carretero aborda tamén a actual situación do narcotráfico en Galicia, onde "se acabaron os tempos de ostentación e vidas novelescas" de clans como Os Charlines ou de Sito Miñanco. "O narcotráfico agora ten un perfil baixo, busca pasar desapercibido e xogar o rol do empresario", apuntou.

A pesar de que asegura que os mandos policiais "teñen perfectamente localizados" a estes narcotraficantes, "o problema é chegar a eles". "Crean ao seu ao redor unha contorna profesional e nunca tocan a mercadoría, polo que hai que atacalos con delitos fiscais. Hai unha percepción errónea de que o narcotráfico é algo do pasado, cando en Galicia segue sendo un problema e unha realidade", engadiu.

O xornalista recoñeceu que o éxito de 'Fariña' non supuxo un problema para a súa integridade física. "Nunca recibín unha ameaza directa nin temín pola miña vida. Sería pouco honesto dicir que me xoguei a vida con isto, cando hai xornalistas coa propia mafia italiana ou en México que están ameazados e en grave perigo", sinalou.

O SECUESTRO E A FRUSTRACIÓN

Precisamente, explicou que boa parte dese éxito veu a través do secuestro da publicación, aínda que fose "moi desagradable". "Non podo ser hipócrita: cando se prohibe un libro, xérase unha atención desmedida, e máis nunha sociedade que non tolera que se coarte a liberdade de expresión. Pero foi algo frustrante, porque foi un traballo feito desde o rigor absoluto", defendeu.

Os tons negros e vermellos son unha constante na novela --co branco da cocaína tamén moi presente--, unha decisión que tomou Bustos desde o primeiro momento, así como a de optar por voces corais en lugar dun só narrador. "Tiña moi claro que quería facer algo similar á novela e desligarme do ton da serie", afirmou o ilustrador.

O xornalista Nacho Carretero, autor de 'Fariña'. MIQUEL GONZÁLEZ
O xornalista Nacho Carretero, autor de 'Fariña'. MIQUEL GONZÁLEZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 paletismo ilustrado¡¡¡¡

Nun país minimamente serio a fiscalía tería que investigar determinadas relacións entre o narco e persoaxes políticos que saen no libro ou ben abrir dilixencias contra o autor.... pero para eso hai que ser minimamente serio....o que cala xa se sabe.... non vai ser que rasquen demasiado e non lles guste o que vexan....