Reforzo do 'Pequefestival' e 'Vila Celta', novas apostas para o Festival de Ortigueira

O Festival Internacional do Mundo Celta, que se celebrará do 9 ao 13 de xullo, incorpora este ano importantes novidades centradas no público familiar e a dinamización cultural da vila.

Por Galicia Confidencial | Ortigueira | 05/07/2025 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Ortigueira comeza a conta atrás para o comezo do Festival Internacional do Mundo Celta, o evento de música tradicional e celta máis importante do Estado que este ano presenta unha ampla programación e representación de formacións así como tamén importantes novidades.

Escola de gaitas de Ortigueira. Desfile ano 2022. Foto: Org. Festival.
Escola de gaitas de Ortigueira. Desfile ano 2022. Foto: Org. Festival.

No xa característico Festival na Rúa participarán as bandas de gaitas convidadas, que comezarán a percorrer as rúas de Ortigueira o xoves 10 ás 12:00h e continuará ata o domingo co tradicional Desfile das Nacións Celtas. Bandas bretoas como a bagad Kevrenn Brest Sant Mark, agrupacións asturianas como o Grupu Folcróricu Prau Llerón e a Banda de Gaites de Castrillón, a formación astur-breota La Banda… Latira!, os escoceces Caledonian Cowboy Collective Pipe Band percorrerán as rúas de Ortigueira xunto con formacións galegas como a Banda de Gaitas Xarabal, a Banda de Gaitas Herba Grileira, a Banda de Gaitas Lembranza Solpor, o cuarteto Ansuíña, Murga Coelerni, Os montoxos, Os enxebres de San Lázaro e a Banda de Gaitas do Ortegal, acompañadas pola Escola de Gaitas de Ortigueira e as asociacións locais Banda de Gaitas Ladrido, Asociación Cultural Gamelas e Anduriñas e a Asociación Cultural Troula do Ortegal.

REFORZO DO 'PEQUEFESTIVAL' E INAUGURACIÓN DA 'VILA CELTA'

Unha das grandes apostas deste 2025 é o reforzo do Pequefestival, que medra en contido e protagonismo cunha programación pensada para que as familias vivan o festival ao completo. Comezará o venres 11 ás 17:00h con A Banda das Apertas, de Magín Blanco, un espectáculo cheo de cancións queridas polo público infantil como O meu país, Todos somos capitáns ou Rock&Roll Dragón.

O sábado 12 poderase gozar da proposta Historias para escagarriñarse de Teatro Ghazafelhos, con historias como a da Cabra Montesina ou a Santa Compaña, e o domingo 13 haberá un concerto especial polo 25 aniversario de Mamá Cabra, unha actuación chea de ritmo, onde Gloria Mosquera repasará os grandes éxitos do grupo dende a súa creación ata hoxe.

Outra das grandes novidades é a posta en marcha da Vila Celta, un novo espazo organizado pola Escola de Gaitas de Ortigueira coa colaboración do Concello de Ortigueira, que acollerá concertos e que servirá en ocasións de punto de partida do Festival na Rúa. A Vila Celta converterase nun punto de encontro para artistas e público, con actuacións como Os Carecos, Entós, Embruxo, Trío Guillon-Radin-Camiña, Pandereteros d’Anguaño, Lidia India e Ansuíña, entre moitos outros.

FESTIVAL DE TEATRO E OBRADOIROS

O Teatro da Beneficencia acollerá tamén o Festival no Teatro coas actuacións do trío Raskal, o dúo Hugo Franco e Marc Xarau, e Carmela, un proxecto que reinterpreta a tradición oral  galega desde unha perspectiva contemporánea, combinando investigación etnomusicolóxica, canto e percusión.

O programa complétase cos obradoiros de baile galego, asturiano, bretón e irlandés que se desenvolverán no IES de Ortigueira. A estes, súmanse o obradoiro de violín, impartido por Hugo Franco e o obradoiro de corda pulsada, impartido por Marc Xarau.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta