Aumentan a mil as incidencias polo temporal: caídas de árbores e pólas, e voos afectados

Máis de 100 incidencias rexistradas. Un tornado provoca a caída de árbores e cables da luz en Arteixo. Doutra banda, un refacho de vento tamén esnaquizou un alpendre, un hórreo e o muro dunha casa no lugar da Senra, en Ordes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2019 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou entre as 00,00 deste xoves e as 8,00 horas deste venres case mil incidencias que tiveron relación cos episodios de meteoroloxía adversa en Galicia.

Segundo informou o 112, despois de que finalizase a alerta vermella no litoral galego e a laranxa por vento nos concellos de costa da provincia da Coruña e Pontevedra, por provincias, a da Coruña foi a máis afectada con 559 incidencias, seguida da de Pontevedra, na que se contabilizaron 234. Por outra banda, na de Lugo alcanzáronse os 123 incidentes e, en Ourense, 52.

En canto aos concellos onde máis se deixaron notar os efectos dos fenómenos meteorolóxicos adversos, o 112 destacou o de Vigo, con 65 incidencias; seguido da Coruña, onde se atenderon 45; e o de Santiago de Compostela e Arteixo, con 32 e 31, respectivamente.

Os tipos de incidencias que máis se repetiron foron as relacionadas coa caída de árbores e ramas nas estradas, que alcanzaron as 550. Ademais, a prevención de riscos, os danos por meteoroloxía adversa e os incidentes relacionados coa neve sumaron 130, 59 e 14 respectivamente, sinalou o 112 Galicia.

A pesar de diminuír a súa intensidade, o 112 avisa de que "continúa a inestabilidade meteorolóxica cunha alerta de nivel laranxa" no litoral lucense e coruñés e outra por neve na montaña de Lugo. A pesar de todos os efectos, ningunha incidencia causou danos persoais.

Un home tenta loitar contra os efectos da chuvia do temporal
Un home tenta loitar contra os efectos da chuvia do temporal | Fonte: © Miguel Núñez.

VOOS

Un total de nove voos —un deles chárter e os outros oito de liñas regulares— víronse afectados ata as 20,00 horas deste xoves en Galicia polo temporal, con desvíos e cancelacións.

Estes problemas afectan os aeroportos da Coruña e Vigo, xa que o de Santiago funcionou con normalidade, segundo informan fontes de Aena.

De tal forma, cinco voos con destino Alvedro —un deles, chárter— foron desviados a Lavacolla. Dous deles proviñan de Madrid, dous de Barcelona e outro de Bilbao. Ademais, cancelouse outro entre Madrid e A Coruña, que debía chegar ás 17,05 á cidade herculina, pero non chegou a saír.

Pola súa banda, en Peinador houbo problemas con tres voos con orixe en Madrid. Dous deles desviáronse a Santiago, mentres que un terceiro foi cancelado —debía chegar ás 17,00 á cidade olívica—.

TORNADO EN ARTEIXO

Un tornado rexistrado na mañá deste xoves, xornada na que está activada a alerta laranxa por fortes ventos, provocou a caída de diversas árbores e cables da iluminación pública no municipio coruñés de Arteixo.

Segundo informaron a Europa Press os bombeiros da localidade, o tornado iniciouse nas inmediacións da autovía AG-55, ao seu paso pola parroquia de Paiosaco, e avanzou ata a AC-552, onde provocou cortes de tráfico pola caída de árbores.

Ademais de varias árbores, o tornado tamén provocou a caída de cables da iluminación pública no lugar de Santaia de Arriba, tamén en Arteixo, sen que se rexistrasen danos persoais. O CIAE 112 Galicia informou de que recibiu o aviso sobre as 11,45 horas, tras o que mobilizou á Policía Local, a Protección Civil de Arteixo e aos Bombeiros de Arteixo.

Por outra banda, un refacho de vento esnaquizou un alpendre, un hórreo e o muro dunha casa no lugar da Senra, en Ordes, sen que houbese que lamentar danos persoais. O CIAE 112 explicou que este suceso ocorreu sobre as 11,20 horas e puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Ordes e da Policía Local.

REFACHOS DE 124 kM/H

O vento alcanzou os 124 quilómetros por hora no municipio de Malpica de Bergantiños, mentres as ondas chegaron ata os 10 metros de altura en cabo Vilán, nunha xornada de temporal en Galicia con alerta vermella na costa.

O refacho de vento no municipio costeiro de Malpica rexistrouse ás 11,00 horas, a seguinte máis alta foi en Lira (123,1 quilómetros por hora), en Carnota, ao mediodía, segundo a información de Meteogalicia.

No tocante a ondada, Portos do Estado rexistrou ondada de 10 metros na boia de cabo Vilán. Séguenlle os 9,6 metros en cabo Silleiro e os 7,4 metros en Estaca de Bares.

Pola súa banda, o maior nivel de precipitacións ten lugar en Mesía, con 29,4 litros por metros cadrado. Despois están os 26 litros por metro cadrado de Ponteareas.

A mínima de toda Galicia nunha xornada na que se rexistraron temperaturas baixo cero en moitos puntos tivo lugar na Veiga, con -4,8 graos. Despois están Carballeda de Valdeorras (-4,3 graos) e Ancares (-2,8 graos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta