O vertedoiro de Areosa en Cerceda recibirá 41 millóns para a súa xestión integral

A licitación, segundo incidiu o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, comprende a propia xestión dos residuos recepcionados no vertedoiro, así como das instalacións que acolle este recinto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2019 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O Goberno galego acordou na súa reunión deste xoves autorizar a licitación por 41 millóns de euros da xestión integral do vertedoiro de residuos non perigosos de Sogama situado no lugar de Areosa (Cerceda-A Coruña), cuxa actividade complementa a desenvolvida no complexo ambiental.

A licitación, segundo incidiu o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, comprende a propia xestión dos residuos recepcionados no vertedoiro, así como das instalacións que acolle este recinto, é dicir, depuradoras de ósmose inversa, planta de biogás e planta de compostaxe industrial.

Este contrato tamén inclúe o mantemento postclausura do vertedoiro, xunto coa xestión de gas e lixiviados producidos, ademais da execución das obras de selado definitiva de enlaces norte e sur das fases 2 e 3.

Adicionalmente, o contrato, cun prazo de execución de catro anos e unha prórroga excepcional de nove meses, inclúe a previsión dunha modificación que se traduce na execución do novo vaso 4 e que, en todo caso, estará condicionada á evolución do proceso de enchido das celas previas.

VERTEDURA TÉCNICA "CERO" EN 2020

Feijóo incidiu en que, "grazas ás políticas de eficiencia industrial" aplicadas por esta empresa pública nos últimos anos, logrouse "optimizar o labor do complexo ambiental", que pasou de tratar 482.031 toneladas en 2008 a 603.439 toneladas en 2018, é dicir, un 25,19% máis, mentres que, no mesmo período, reduciuse o depósito de residuos no vertedoiro nun 50%.

Dado que a sociedade recibía 800.000 toneladas anuais de residuos e a capacidade nominal do complexo estaba limitada a 550.000, a compañía abordou un proxecto de ampliación desta infraestrutura que se materializou coa posta en marcha dunha nova planta para a recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.

Desta forma, o complexo viu aumentada a súa capacidade nun 81 por cento, e pasou a xestionar actualmente un millón de toneladas anuais, circunstancia que lle permitirá tratar en condicións "óptimas" os residuos procedentes dos 295 concellos adscritos ao seu modelo, e ata os do resto de Galicia se é necesario.

Esta mellora, remarcou o presidente, reforzará a súa achega ao reciclaxe e propiciará unha menor vertedura, xa que se prevé chegar en 2020 "á vertedura técnica cero" (10 por cento). Por tanto, só levará ao vertedoiro aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar energéticamente, o que permitirá que Sogama cumpra, "con 15 anos de antelación", ás esixencias europeas en materia de verteduras.

Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou as expropiacións para executar unha senda peonil na AC-524, na contorna do albergue de peregrinos de Ordes, cun investimento de 650.000 euros. Así mesmo, autorizou a transferencia a favor do Concello de San Cristovo de Cea das Rúas Calvo Sotelo e José Antonio, e de varios tramos de distintas estradas de titularidade autonómica.

Planta de Sogama en Cerceda
Planta de Sogama en Cerceda

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta