O acoso laboral a mulleres, un cancro pendente no mundo do traballo

Non son poucas as mulleres que sofren acoso laboral. Un acoso laboral que non ten por que levar unha connotación sexual necesariamente, pero si teñen que ver coa condición de muller. Os motivos son diversos, a conciliación ou a maternidade están entre eles. A día de hoxe en Galicia non se dispoñen de cifras concretas para avaliar ata onde chega este tipo de discriminación laboral.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 14/11/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O acoso laboral, tamén chamado mobbing, é unha situación de maltrato cara o traballador ou traballadora. Pode realizarse mediante ameazas, coaccións, críticias ao desenvolvemento laboral da persoa, frear as iniciativas dese traballador ou traballadora ou o menosprezo diante dos e das compañeiras de traballo.

Asemblea de traballadoras de Bershka e Inditex
Asemblea de traballadoras de Bershka e Inditex

Existen colectivos que sufren en maior medida o acoso laboral por diversas razóns. As mulleres, as persoas con diversidade funcional, empregados e empregadas con responsabilidades familiares e aquelas persoas que viven situacións afectivo-sexuais diferentes á familia ou parella “tradicional”. Estes serían os grupos que máis sufrirían o asedio por parte de acosadores.


QUE É O ACOSO LABORAL A MULLERES?


Existen variantes de acoso que afectan de maneira directa ás traballadoras. Segundo Marga Corral, da CIG, poden ser “o acoso laboral propiamente, o sexual ou acoso por razón de sexo”. A diferenza entre os dous últimos está en que o acoso por razón de sexo “inclúe non só cuestións machistas ou sexistas, senón todo o relacioando coa maternidade e os coidados”. Ademais hai que engadir o acoso por razón de identidade que sería aquel “por identidade afectivo-sexual, mulleres trans, lesbianas ou que teñan unha familia diferente á parella heterosexual”.


“A lei de igualdade recoñece o acoso sexual e o acoso por razón de sexo” di Mónica Rodríguez da UGT. As estatísticas sobre acoso laboral a mulleres e outros tipos de acoso “son escasas ou non as hai, co que nós dicimos que é unha discriminación evidente, se non as hai parece que o problema non existe ou non se quere falar del”. En tal caso, Rodríguez apunta que o 95% do acoso sexual vai dirixido a mulleres, o 5% a homes procedente maiormente doutros homes.


“O acoso laboral ten diferentes definicións, o que máis sofren as mulleres é o sexual” di Mamem Sabio de CCOO. “Con todo é aquela actitude, presión, insulto ou acción que atente contra a dignidade da persoa”. O principal obxectivo do acoso a mulleres no ámbito laboral é facelas sentir débiles ata que acaben rendéndose.


IDEOLOXÍA DETRÁS DO ACOSO LABORAL A MULLERES?


As ideas preconcibidas sobre as mulleres en entornos laborais poden deberse a unha ideoloxía? “Si, todo este tipo de acosos rexénse polo machismo, todos son intrínsecos” sinala Marga Corral, que engade “non hai unha soa situación de acoso sexual (a mulleres) que non implique acoso laboral”. Non obstante, o acoso sexual pode ser illado no tempo mentres que o acoso laboral é reiterado no tempo.


A “ideoloxía machista” déixase notar máis en sectores laborais “masculinizados”, onde a presenza exclusiva de homes aínda non se superou ou non se rompeu. “É certo, cando falamos sobre a incorporación a sectores masculinizados, moitas compañeiras din que non foi fácil nos primeiros momentos”sinala Mónica Rodríguez.


“Hai homes que aceptan de bo grao a entrada de mulleres dentro de áreas laborais masculinizadas, aínda así, elas teñen que demostrar que valen” di Mamem Sabio. “Se es home non che fan digamos, “un exame”, mais se es muller debes demostrar que vales e moito máis”.


MATERNIDADE E CONCILIACIÓN, FACTOR DE RISCO?


O feito de que unha muller se incorpore ao traballo logo da súa maternidade, pode ser motivo de mobbing e acoso laboral. Por que? “Porque hai unha concepción machista de cal debe ser a responsabilidade desas mulleres” di Marga Corral. Detrás pode haber unha posición de poder claramente patriarcal de quen considera que esa persoa traballadora debe ser “castigada por non entrar dentro da súa concepción de maternidade”


“É algo que impera no acceso ao emprego como no mantenemento do mesmo” declara Mónica Rodríguez cando fala sobre conciliación. “Falamos máis do acceso, porque teñen prexuízos de que será a muller a que vai ao médico co fillo ou co familiar, os estereotipos inflúen moito”. As reducións de xornadas xa están máis normalizadas, aínda que o 75% das peticións son de mulleres, mais xa vai aumentando o número de homes que piden redución para coidar os fillos.


DENUNCIAS


As situacións de crise económica e laboral son contextos onde as situacións de acoso laboral á muller poden aumentar. Desde o ano 2008, durante os anos de crise o aumento de casos foi exponencial. Casos, mais non denuncias. Por que non se denuncia? “Porque non todos os casos que podemos considerar a nivel ético como acoso, se traduce en denuncias” remarca Marga Corral.


Desde UGT sinalan que tamén hai reticencias para denunciar “debido ao temor a represalias ou despedimento, a desconfianza na propia utilidade de denunciar e a vontade de esquecer o acontecido” porque son situacións difíciles de xestionar a nivel psicolóxico. Coa normalización de certas condutas sexuais, “ás veces pensamos que determinados comportamentos sexistas son normais, pois nin o son nin teñen que parecer normais”. Por outra banda, a ausencia de declaracións de testemuñas impide levar a xuízo a quen acosa.


Máis do 65% das mulleres non se atreve a denunciar as situacións de acoso” di Mamem Sabio. “En ocasións, a empresa en vez de parar ao acosador, castiga a vítima”. A isto hai que sumarlle a presión psicolóxica que padece a acosada porque “pensa se terá ela a culpa, tereille dado pé, ou estarei esaxerando”. E a isto hai que engadirlle “o medo a que non te crean”.


EXISTE UN PERFIL DE TRABALLADORA ACOSADA?


“Temos casos de mulleres novas e mulleres maiores no referente ao acoso laboral” sinala Marga Corral. Aínda así, nas denuncias por acoso sexual si que hai un factor predominante “cando a persoa é nova ou comunica que está atravesando un proceso de separación ou divorcio”. O feito de acosar a mulleres máis novas e as que están en trámites de separación ou divorcio, Corral explícao pola sensación de poder que pode ter quen acosa. Ese poder daríalle “dereito” a impoñerse ás súas traballadoras.


“As persoas que son máis vulnerables por circunstancias vitais e personalidade son máis doadas de acosar” di Mamem Sabio. “Para que isto non suceda o que se debe potenciar é a prevención no ámbito laboral”. A prevención, segundo di Sabio, comeza pola sensibilización do persoal dentro do lugar de traballo e sobre todo, de quen xestiona Recursos Humanos.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta