Temas: MúSICA

MusiCalidades, a expo que reuniu a cincuenta músicos e artistas no hotel NH Obradoiro

Presentamos en absoluta primicia para este renovado GC Tendencias algunhas das imaxes que formarán parte da exposición "MusiCalidades". Unha representación musical galega repartida en estilos e orixes xeográficas posando para a cámara de Sue Rainbow, baixo a dirección artística de Paco Gallego.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 13/07/2012 | Actualizada ás 09:43

Comparte esta noticia

Uxío Mayo
Uxío Mayo

O pasado 30 de xuño o hotel compostelano NH Obradoiro acolleu unha iniciativa singular. A fotógrafa de moda Sue Rainbow, acompañada de Paco Gallego á dirección artística, conseguiu reunir a cincuenta músicos e artistas galegos e galegas de todo tipo, orixe e condición. 

A dirección do hotel puxo a disposición dos responsables de MusiCalidades tres habitacións dobres e unha suite Premium, todas situadas no primeiro andar. Se tivesen visto o que sucedía dentro de cada unha delas, quen sabe se se tería levado adiante esta iniciativa!

Ás dez e media da mañá comezaron os primeiros posados. Os rapaces de Sabdios, todo un fenómeno adolescente na Coruña, posaban desinhibidos ante a cámara de Sue, en tanto Gallego recollía o que podía en vídeo. Situacións íntimas no cuarto de baño, cambiando canles nunha cada vez máis aburrida TV, tirado na cama con claqueta de rodaxe e un corazón ou a punto de pegarse un tiro na cabeza. Son algunhas das poses rompedoras destes mozos.

Sen tempo a respirar, Kike de la Torre, de Nostatic, compostelano de orixe e corazón afincado na Coruña, aparece coa guerreira decimonónica, as ggafas de sol de motorista macarra, unha fusta envexable e un gorro de oficial da antiga URSS. A súa porte domina a estancia. As imaxes flúen. ás veces, mesmo semella o Mikel Erentxun nos seus mellores tempos...pero Kike é máis simpático.

Sabdios
Sabdios

La Sombra

Dende Ourense chegou La Sombra. Hardcore a cargo dun músicos moi meritorios, xa que ese día se celebraba o Derrame Rock e as bandas dalí tiñan complicadísimo achegarse a Compostela, agardar quenda e voltar á festa. La Sombra posou e agardou máis de dúas horas pechados na habitación 115. Houbo tempo para fotos, vídeos e cancións. A imaxe estética destes músicos desconcertou aos promotores desta iniciativa. Agardaban algo máis agresivo. Tocou misticismo e algo de loucura destrutiva.

The Gone&Lost, estes metaleiros da Costa da Morte, pecháronse na habitación 112, como se do seu castelo se tratase. Esparexeron polo cuarto todo tipo de obxectos e lixo. Destruíron a beleza da 112 co afán indisimulado de recrear unha noite de ultradesmadre rockeiro de sexo, drogas e rock'n roll. Todo era escenografía, sen embargo. Para tranquilidade do equipo directivo do NH Obradoiro. 

A suite serviu de lugar de encontro de diferentes bandas que, en ocasións, non se coñecían nin de referencias. Así ocorreu cando apareceron diferentes medios de comunicación de ámbito galego e estatal, ou tamén foi o caso do grupo de músicos de Paz&Recors -Jacobo Paz & Dos Mundos, YUL e Zaro Arte en Tinta- e Uxío Mayo de Uxío Mayo y la Banda Fetichista. Escena surrealista de WC, punto fetichista de coiro e nádegas, momento inspirado de letras e rap, ou a sinceridade pirata do músico Julio Béjar transmutado en YUL por arte musical. Diferentes persoas, diferentes notas.

Los 22 aproveitaron o seu tempo na suite para tocar unhas notas -ensaiar sempre é importante- e para recrear unha composición de delirio alcohólico e disposición barroca. Xente tranquila disposta a xogar coa perda de nervios e cos tópicos asociados ás múltiples dependencias atribuídas ás xentes do mundo do espectáculo.

Sen tempo para comer, chega o momento de César, de Embora. Ducias de trabaloos discográficos orixinais dispostos como unha especie de top manta -ou top colcha- invertido. Hai aínda quen merca discos. E hai de todo alí. Rock, pop, punk...Os gostos personais de cada quen. 

Linda Guilala

Baldosa Amarilla, de Porriño, vén de gañar o premio do público ao mellor videoclip no Festival de Cans por "Desequilibrio", un canto aos xogos da infancia non tan lonxanos. Nunca tan lonxanos. A granxa de Playmóbil serviulles como inspiración. Tamén como unha forma de perversión lúdica entre figuras humanas e equinos. Xogo de contrastes ledo.

O matrimonio formado por Amÿf e Waz de Plus Lottus ofreceu un apunte do que significa o seu espectáculo. Circo, sensualidade, burlesque industrial e moitas ganas de provocar. Se as pernas de Amÿf protagonizan o seu último traballo discográfico, nesta ocasión os xogos de dominación e o erotismo ao que dan saída, vestidos de rigurosos negro e vermello, conforman viñetas coloristas que contrastan coa limpeza de gamas brancas e escuras da habitación do NH Obradoiro. 

Javier Prado, dos Moondogs Blues Party, recrea para MusiCalidades un daqueles momentos magníficos en que os bluesmen gravaban os seus discos dentros das súas habitacións de Hotel. A voz desgarrada de Javier canta á desesperación do amor, e Sue recolle ese momento. O amor pola música sempre provocou sentimentos encontrados a respecto do amor humano. 

Carlos Bau, gañador dun Premio da Música ao mellor tema en galego por "Nada" encóntrase cos pontevedreses de Habitación 316. Defenden a limpeza na transmisión de sentimentos, a sinxeleza da composición e a naturalidade dos seus posados. Conectaron ao momento, favorecendo un ambiente que resultou propicio para recoller algunhas das instantáneas máis limpas de toda esta exposición.

Os lucenses de Bristol completaban a cota de britpop presente nesta xornada. As súas caras serias semellaban un impedimento á hora de recoller un momento absolutamente insólito e demencial da banda. Nada máis lonxe da realidade. O quinteto, recén erguido logo dunha boa sesta, perdeu a seriedade e apareceuse como aquel conto dos ananiños que espertan para descubrir que hai alguén máis durmindo con eles. 

O Rock Bravú viviu tempos gloriosos na década dos noventa. Hoxe resiste aínda e sempre ao invasor, como a aldea gala de Astèrix. Liviao do Marrao, de Chantada, desenvolve toda a estética e a forma de ver o mundo dunha banda de folk-rock galega orgullosa da súa orixe rural, pero entremetida no desesperante e obsesivo mundo urbano do primeiro terzo do século XXI. Pan, chourizo, viño, simboloxías nacionais, obras literarias convertidas en clásicos...Unhas imaxes ben diferentes ás que adoitamos atopar nas fulgurantes estrelas mediáticas de insoportable lanzamento de multinacional.

A imaxe rockeira e desafiante de Andoni, dos arousáns Cornelius, a beleza e a moda de Cardigan Bridge ou a mirada ecléctica da artista polifacética Mónica de Nut. Nada máis antagónico para un proxecto que procura na suma de vontades, na suma de calidades, na suma de propostas e localidades tan afastadas entre sí, como cercanos somos/son todas e cada unha das persoas que adican unha gran parte do seu tempo ao estimulante mundo das notas, dos acordes, das melodías, das harmonías e dos escenarios de todo tipo e tamaño. 

Mónica de Nut
Mónica de Nut
Yul durante un descanso da súa sesión
Yul durante un descanso da súa sesión
Kike de la Torre de Nostatic
Kike de la Torre de Nostatic
Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta