O persoal do Servizo de Axuda a Domicilio de Ourense reclama solucións nas novas contratacións

As case 205 traballadoras concentráranse ante o Concello para esixir coñecer o futuro dun servizo "no aire".

Por E.P. | Ourense | 18/11/2019 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

As traballadoras que prestan o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD) de Ourense iniciaron este luns mobilizacións ás portas do Concello para reclamar "unha solución" para elas e para os usuarios despois de que queda deserto o concurso para unha nova contratación. As concentracións continuarán ata o 30 de novembro, data na que a actual empresa concesionaria, Sacyr Social, cesará a prestación do servizo.

O persoal ten previsto reunirse esta tarde coa concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, quen lles trasladou que "xa convocou a tres empresas para que presenten unha oferta na que fixen o prezo/hora nun prazo de tres días hábiles", segundo explicou a presidenta do comité de empresa, Mónica Márquez.

No entanto, as cousas "non pintan ben" porque, máis aló da empresa actual, dixeron descoñecer cales son as outras dúas e como vai funcionar "un servizo complexo en canto á súa organización se se descoñece o seu funcionamento".

As traballadoras aseguraron estar a pasar "unha situación de incerteza", despois de que os pregos sacados en setembro quedasen desertos ante "unhas condicións inviables de prezo/hora por usuario e as ausencias permitidas". A día de hoxe, prestan atención a 563 usuarios, entre os cales se atopan algunhas persoas con dependencia que reciben a súa visita ata tres veces ao día.

CONTINUIDADE DO SERVIZO

Pola súa banda, o Concello de Ourense reiterou que "o servizo estará plenamente garantido, ao tratarse dun servizo esencial". Unha garantía que tamén aplican ao persoal que existe actualmente. "As traballadoras manterán os seus postos e os seus salarios nas mesmas condicións que teñen a día de hoxe", sinalou Eugenia Díaz Abella, en resposta á que entende debese ser a máxima preocupación do comité de empresa.

Concentración do persoal do Servizo de Axuda a Domicilio de Ourense .
Concentración do persoal do Servizo de Axuda a Domicilio de Ourense . | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta