Máis de 2.250 toneladas de berberecho comercializáronse de xaneiro a outubro

Quintana defende o máximo aproveitamento das capturas de xurelo para avanzar na rendibilidade da frota.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/11/2019 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, concretou este mércores no Parlamento que as lonxas galegas comercializaron entre xaneiro e outubro deste ano máis de 2.250 toneladas de berberecho, unhas vendas que xeraron uns ingresos de preto de 15 millóns de euros.

Estes niveis de descargas, segundo respondeu ao socialista Julio Torrado, quen incidiu na preocupación pola situación da especie e censurou a "falta de planificación" do departamento autonómico, supoñen un aumento do 78% na facturación en relación coa media do últimos dez anos e do 34% respecto ao mesmo período de 2018.

En canto ao produto comercializado, a subida é do 33% en relación cos dez primeiros meses do pasado exercicio e do 44% se se compara coa media da última década. Estes resultados --incidiu Quintana-- roldan xa as cifras obtidas en todo o 2018, no que se extraeron das rías galegas algo máis de 2.480 toneladas deste molusco e se facturaron 15,5 millóns de euros nas lonxas.

Así as cousas, defendeu que as cifras confirman que se está producindo a recuperación desta especie. Con todo, apelou á "prudencia" e a esperar a que estas cifras positivas "se confirmen, reforcen e consoliden".

Así, descartou facer previsións a longo prazo do comportamento do berberecho, pois os seus resultados dependen, explicou, de distintos factores como son as choivas e a chegada de auga doce aos bancos, os afloramentos e presenza de toxinas, a presenza de depredadores ou patoloxías e o volume de extracción realizado anteriormente, que pode afectar os recrutamentos.

PROXECTOS DE REXENERACIÓN

Precisamente, Rosa Quintana esgrimiu que a Xunta leva anos traballando nestes ámbitos co obxectivo de rexenerar as zonas improdutivas, "racionalizar" a explotación deste recurso, buscar avances no control e predición de mareas vermellas e presenza de toxinas en xeral, así como na busca de aplicacións prácticas para evitar a influencia e impacto de parásitos como a marteilia.

Neste último caso, o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, ten en marcha tres proxectos no bienio 2019-2020 de estudo deste parásito e para mellorar a produción de berberecho por importe de case 500.000 euros. A titular de Mar tamén destacou a importancia neste ámbito do proxecto europeo 'Cockles'.

CAPTURA DE XURELO

Por outra banda, en resposta ao PP, a conselleira incidiu na importancia de racionalizar "as capturas e descargas de xurelo, adecuando a oferta á demanda para facer aumentar os prezos". Tamén é importante, engadiu, racionalizar o uso da cota que quede sen pescar co obxectivo de facer "que esta especie, que é a primeira en cifra de descargas nas lonxas galegas, poida ter unha idónea explotación, máis rendible e sustentable".

Nesta liña, apelou a aproveitar a capacidade e as medidas das que dispoñen as frotas que extraen esta especie para avanzar na xestión da súa pesca.

A CONSELLEIRA DO MAR, ROSA QUINTANA.. XUNTA
A CONSELLEIRA DO MAR, ROSA QUINTANA.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta