Feijóo tras o novo correctivo da xustiza ao megaparque do Oribio: "ese proxecto foi aprobado polo bipartito"

O TSXG non admite o recurso da Xunta tras outra sentenza anterior que suspendía o proxecto da serra do Oribio con críticas aos argumentos utilizados pola Xunta e a empresa. “E se a promotora, que esperou tanto tempo para pretender executar o proxecto, ten que asumir o risco do seu negocio", indica nesta nova resolución o alto tribunal galego.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/11/2019 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volveu darlle un novo toque de atención severo á Xunta tras desestimar o recurso interposto pola Consellería de Industria contra o auto do pasado 16 de outubro no que o alto tribunal galego acordaba a supensión do megaparque eólico do Oribio. Un severo toque de atención que, polo momento, "non coñece" a propia Xunta. O seu presidente, Alberto Núñez Feijóo evitou valoralo e responsabilizou de todo ao goberno bipartito de PSdeG e BNG que xa non goberna desde hai dez anos.

Protesta contra as obras do Parque Eólico do Oribio
Protesta contra as obras do Parque Eólico do Oribio | Fonte: ADEGA

Nunha nova sentenza en resposta á denuncia inicial da entidade ambientalista Petón do Lobo, o TSXG desestima as alegacións da Xunta para evitar a suspensión provisionalmente do acordo do Consello da Xunta do pasado 27 de xuño, así como as súas disposicións normativas, nas que se daba vía libre á continuación das obras do megaparque eólico na Serra do Oribio, entre os concellos de Samos e Triacastela.

O alto tribunal galego entende que, mentres que non se actualice a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto xa que data de 2005, e mentres non se xustifique a prevalencia do uso “pretendido pola Xunta ao aprobar o proxecto industrial”, as obras deben de ser paralizadas.

Pero, a pesar de que queda claro que as irregularidades cometidas son co actual goberno da Xunta, Feijóo botou balóns fóra e responsabilizou ao anterior goberno bipartito. "É unha sentenza sobre un parque eólico aprobado polo Bipartito e que nós, como estaba tramitada polo goberno anterior, seguimos adiante", dixo.

Preguntado por Galicia Confidencial se acatarán o dito polo alto tribunal galego, Feijóo xa foi máis esquivo: "non coñezo a sentenza e, polo tanto, non lle podo contestar nin o que vai propoñer a Consellería de Industria e Economía desde o punto de vista das súas competencias. En todo caso, supoño que o terá que valorar a Asesoría Xurídica da Xunta. En canto teñamos esa sentenza, valoraremos", limitouse a responder.

Obras na Serra de Oribio en Lugo.. FUNDACIÓN OUSO PARDO. - Arquivo
Obras na Serra de Oribio en Lugo.. FUNDACIÓN OUSO PARDO. - Arquivo

ARGUMENTOS DA XUNTA

A Xunta argumentou no seu recurso que, entendía que a modificación do proxecto por parte do promotor –validada logo por parte de Industria— “non supuña un menoscabo da situación e que era pouco probable un impacto significativo sobre as poboacións locais de águia real”. Ademais, indicou que instaba a facer as obras “respectando o Plan Director de Rede Natura” e “seguindo as directrices do documento sobre a águia real en España de SEO/Birdlife”.

O TSXG recolle nesta nova sentenza que existe un “único proxecto” que sustenta a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do 2005 a executar en dúas fases e con potencias distintas. “E a Xunta somentes valora a modificación que en 2016-2018 se pretende executar, pero sen desenvolver os impactos da totalidade do proxecto aprobado en 2007-2009, que, polo momento, quedría sen executar”.

 

Por iso, iniste en que se non se atoriza a DIA, tras a primeira fase, tamén cagería autorizar a segunda, novamente en base á DIA de 2005. “E se a promotora, que esperou tanto tempo para pretender executar o proxecto, ten que asumir o risco do seu negocio, ao tratarse dunha sociedade mercantil que tivo que ponderar a non execución dun proxecto aprobado”, indica.

 

"NON EXISTEN INFORMES"

 

Ademais, o alto tribunal galego destaca que “a Xunta prevé seguir en 2020 ampliando a producción eólica” e, polo tanto, “unha modificación da DIA ben puido verificarse en 14 anos, especialmente, cando o proxecto de execución aprobado en 2007”.

 

E, sobre os informes da Xunta, suliña que “non existe” informe do órgano con competencia na materia de paisaxes, o Instituto de Estudos do Territorio que habería de informar sobre os impactos dos sucesivos modificados e a súa integración paisaxística, tampouco da Dirección Xeral de Sostibilidade e paisaxe... nin se realizou ningunha actualización ou revisión da documentación”.

 

IRREGULARIDADES

O proxecto para construír un parque eólico na serra do Oribio foi autorizado en 2007, cun DIA de 2005. Pero, con posterioridade a esa data cambiou a protección medioamential e patrimonial da zona. Así, a área do megaparque é unha Zona Especial de Conservación da ZEC Ancares-Courel e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). O recurso da Xunta alegaba que coa ampliaicón non se puña en perigo esta zona de protección.

Ademais, como parte da Rede Natura non está permitida a construción de parques eólicos, máis aló da repotenciación dos existentes e, ademais, está chantada en parte da área potencial do Plan de Recuperación do Oso Pardo cantábrico. Por outra banda, o parque está situado nas proximidades do Camiño Francés, cunha importante afectación á paisaxe, e poría en perigo un antigo camiño real que coroa a serra.

Ante estes inconvenientes e as denuncias dos grupos ecoloxistas, e os requerimentos da Xunta, a empresa presentou despois unha "modificación non substancial" para pasar de doce a oito aeroxeradores. Para iso contou con informe de viabilidade de Medio Ambiente desde setembro do pasado ano. Para que se puidese emitir este informe foron, ademais, precisos tamén estudos favorables de Patrimonio Cultural, Patrimonio Natural e Urbanismo. Uns permisos que chegaron en tempo récord tras a paralización cautelar das obras por parte da propia Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

aínda lembramos como o mesmo Alto Tribunal deu por boa a Canteira da Campa en Folgoso do Courel e como a modificación da Rede Natura fíxose polo Bipartito sen que ninguén abrira a boca...? Lembro que daquela foron declaradas legais a cesión de 32 cuadrículas mineiras na Serra do Courel (non sei se caducou a concesión ou aínda están vivas?) // Esto da xustiza é algo INCOMPRENSIBLE !!! Veremos como remata o conto... ?

1 frijoles cinicos

pasaron 14 anos... menudo cinico...