A Fegamp volve criticar a "unilateralidade" de Sogama ao abaratar un 10% a taxa de recollida de lixo

A federación municipalista sinala que a mesa do Pacto da auga foi "atrasada á espera" da creación da 'Sogama da auga'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) volve cargar contra a "imposición unilateral de condicións" por parte da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), dependente da Xunta, aos concellos galegos nos que recolle o lixo.

A memoria correspondente ao mandato do alcalde do Barco, Alfredo García, entre 2015 e 2019, afirma que con anterioridade xa era "lesivo para a xestión municipal o cesamento da recollida de voluminosos ou a subida do canon", pero ultimamente foino "a obrigación de trasladar á taxa do lixo unha rebaixa do 10 por cento", da que os gobernos locais tamén se beneficiaban no canon que pagaban á sociedade autonómica.

Ademais, segundo o documento da Fegamp, recollido por Europa Press, este "condicionante" provocou un "amplo rexeitamento" por parte dos municipios por consideralo unha "ingerencia na autonomía local".

A iso súmase que esta rebaixa tivo "repercusión no financiamento" deste servizo que xa é "habitualmente deficitario", posto que as taxas xa se atopan "por baixo do custo na maioría" de concellos".

"A URXENCIA" DE SOGAMA

Así, a Fegamp censura "a urxencia dos prazos" cos que Sogama "esixía a aplicación da bonificación" aos tributos locais sen ser "posible" negocialo. Iso levou, relata a federación municipalista, a solicitar "unha moratoria" para que os municipios dispoñan do 2019 para trasladar a rebaixa do 10 por cento ás súas ordenanzas.

"A pesar disto, moitos concellos atópanse con reparos das intervencións municipais debido a que o servizo do lixo queda lonxe de cubrir custos, e non será ata o ano 2020 cando se saiba cantos concellos optaron por aplicar a rebaixa do 10 por cento á súa taxa", explica a memoria.

O PACTO DA AUGA

Noutra orde de cousas, o documento que resume a dirección de Alfredo García lembra que a Fegamp "sempre valorou a firma do Pacto Local da auga" coa Xunta, adoptado no anterior mandato (2011-2015), como "unha gran oportunidade de cooperación e coordinación entre administracións" para mellorar a xestión e o abastecemento deste recurso.

No entanto, tal e como lamentou o propio rexedor do Barco o pasado venres, este Pacto da auga quedou "estancado", aínda que a lei presentada polo Goberno galego no Parlamento para garantir a subministración serviu para que os concellos "volvesen insistir" nas súas demandas.

Sogama. EUROPA PRESS - Arquivo
Sogama. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta