O 48% dos policías en comisarías galegas viviu diferenzas de trato por razón de sexo

O secretario xeral do SUP en Galicia, Roberto González, afirma que non funciona o protocolo de acoso laboral e o de acoso sexual non existe.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2019 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Un estudo realizado nas comisarías de Galicia reflicte que o 48,8% dos axentes de Policía Nacional declara vivir de forma directa ou indirecta diferenzas de trato por razón de sexo.

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) presentou este luns en Pontevedra o "Informe sobre o clima laboral na Policía Nacional", realizado polas Universidades de Vigo e de Santiago.

O informe aborda cuestións como o acoso laboral ou sexual desde a perspectiva de xénero analizando calquera comportamento verbal, non verbal ou físico non desexado de índole discriminatorio, sexual, moral ou institucional.

Segundo explicaba Carlos Ferro, docente da Universidade de Vigo, este informe realizouse a partir de 200 preguntas que foron respondidas por 170 persoas durante máis de media hora. O secretario xeral do SUP en Galicia, Roberto González, entende que se trata dun estudo que reflicte datos reais porque os participantes dedicaron tempo a contestar á enquisa e se realizou de forma "razoada".

Entre outros datos recolle que o 78,7% dos axentes declara non sufrir acoso pero o 48,8% si confirma vivir de forma directa ou indirecta diferenzas de trato por razón de sexo. Ademais, o 68,3% considera que o xénero masculino ou feminino do funcionario inflúe á hora de acceder a determinados postos de traballo.

Nesta liña, o 37,8% cre que os seus compañeiros teñen algunha vantaxe por ser doutro sexo. Por último, neste apartado, o 42,5% afirma non ter coñecemento de forma directa ou indirecta de acoso laboral na Dirección Xeral da Policía.

Respecto diso, no informe matizan en canto ao acoso laboral/sexual que mentres que o 35,9% dos homes suxiren que non tiveron coñecemento de forma directa ou indirecta de acoso na Dirección Xeral da Policía, o 54,2% das mulleres indican que si o tiveron.

A secretaria provincial do SUP, Sandra Fernández, sinalaba que se inician moi poucos trámites por casos de acoso ou de discriminación, só se rexistraron 14 en catro anos en todo o Estado e só un destes casos de acoso laboral acabou en sanción.

Ao seu xuízo, isto provoca que sexan poucas as persoas da Policía Nacional que se atrevan a denunciar. "As compañeiras cando teñen unha situación de discriminación prefiren cambiar de posto de traballo antes de iniciar o trámite porque normalmente non é favorable", indicou Sandra Fernández.

Neste sentido Roberto González afirma que non funciona o protocolo de acoso laboral e o de acoso sexual non existe. González sinalou que entre axentes das Unidades de Intervención Policial (UIP) ou da Unidade de Prevención e Reacción (UPR) perdura o medo a denunciar estas situacións por temor a sufrir represalias por parte dos seus superiores.

Axente da Policía Nacional. POLICÍA NACIONAL
Axente da Policía Nacional. POLICÍA NACIONAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta