O BNG subliña o seu "rexeitamento absoluto" á supresión do paritorio e pediatra de Verín

A formación nacionalista atribúe o cambio de axenda a "unha resolución política do PP, non a criterios técnicos".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2019 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

O BNG reiterou o seu "rexeitamento absoluto" á decisión "unilateral" do Sergas de suprimir os servizos de parto e pediatría de Urxencias do Hospital comarcal de Verín. Así o manifestou este martes a deputada nacionalista no Parlamento de Galicia Noa Presas, que insistiu en que é "inxustificable" para esixir unha "rectificación inmediata".

A deputada fixo referencia ás "vagas desculpas" expresadas por parte da xerencia aos alcaldes dos concellos da comarca e solicitou que "se fale do porqué desta situación".

Detrás das "desculpas técnicas", a formación nacionalista dixo detectar "criterios exclusivamente económicos e prioridades políticas do Partido Popular". E incidiu en que "é unha absoluta indecencia que se produza con total unilateralidad e falta de diálogo cos profesionais do propio hospital".

Neste contexto, Noa Presas denunciou as "mentiras" do Conselleiro de Sanidade, despois de que o BNG xa advertise hai 15 días de que "a axenda oculta do PP era quitar partos e pediatría" e este negáseo.

Ademais, dixo que levará unha iniciativa a próxima semana ao Parlamento de Galicia para que se fagan públicas "de inmediato" as listas de espera de pediatría dos tres hospitais da provincia de Ourense porque lles "consta" que se están cancelando e aprazando citas.

PARITORIO DE VERÍN

Sobre a "presunta inseguridade que sufriron as mulleres de Verín nos últimos meses" demandaron explicacións inmediatas este martes. Ademais de pedir que "se poñan sobre a mesa" os datos reais do número de partos que atende o servizo. Así mesmo, insistiron en que esta decisión "non pode supor un novo paso atrás nos dereitos das mulleres porque tamén é violencia que se negue este tipo de atención nos hospitais comarcais de referencia".

Detrás da decisión de facer que as mulleres teñan que percorrer unha hora e media de camiño para poder dar a luz, o BNG dixo ver "unha folla oculta para programar partos como quen programa quitar un dente" e alertou do "perigoso aumento do número de cesáreas".

URXENCIAS PEDIÁTRICAS

En canto á decisión de suprimir o servizo de urxencias pediátricas, Noa Presas asegurou que só é "a xustificación ante a incapacidade de atraer un pediatra á comarca de Verín para que estea de garda".

O feito de non conseguir pediatras para esta zona débese "á falta de programas atractivos para a súa carreira laboral, a sobrecarga de traballo, falta de condicións de estabilidade e días libres", insistiu en base ao que din "sentenzas xudiciais". "En que cabeza pode entrar que é máis seguro para un neno non ter un pediatra que telo?", preguntou a parlamentaria do Bloque.

Na súa opinión, a Xunta só ofrece "desculpas de malos pagadores", as mesmas nas que se basearon para levar o servizo de Cirurxía pediátrica a Vigo. A pregunta que se fixo Presas é "quen se ten que desprazar: un neno enfermo que vai ser operado ou os médicos a Ourense con programas atractivos para a súa carreira laboral".

A deputada do BNG, Noa Presas, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG
A deputada do BNG, Noa Presas, nunha rolda de prensa no Parlamento de Galicia. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta