Podemos, BNG, En Marea, Anova ou EU piden a autodeterminación e a amnistía para os presos políticos cataláns

"Estamos diante dun conflito político e a resolución do mesmo debe canalizarse a través das vías democráticas, o diálogo institucional e o respecto á vontade democrática da cidadanía manifestada nas urnas", aclaran. Tamén, EH Bildu condiciona o seu apoio a Sánchez ao "diálogo" e reivindica o dereito a decidir de Euskadi, Cataluña e Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/11/2019 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

Organizacións políticas como Podemos,BNG, En Marea, Anova ou Esquerda Unida coinciden na necesidade de que se libere "de xeito inmediato aos presos e presas políticos condenados" a través dunha lei de amnistía e a buscar vías políticas para solucionar o conflito catalán. Un conflicto, insisten, que se resolverá tamén co dereito a decidir, a través dun referendum de autodeterminación.

Unha gran senyera de Cataluña na manifestación contra o encarceramento de 'presos políticos'
Unha gran senyera de Cataluña na manifestación contra o encarceramento de 'presos políticos' | Fonte: Martín Vaz

Nun comunicado da plataforma cívica 'Galiza pola República e polo dereito a decidir", no que están integradas estas organizacións políticas xunto con outras entidades cívico-sociais, trasladan a súa solidariedade co pobo de Cataluña e coas persoas xulgadas e condenadas neste proceso, ao tempo que consideran "inxusta e desproporcionada" a sentenza do Tribunal Supremo.

Unha sentenza, din, que "condena a líderes políticos e sociais a case cen anos por defenderen de xeito pacífico o dereito a organizar un referendo democrático e por animar e participar en protestas cívicas e pacíficas". Por iso, insisten en que a vía penal non é o camiño para resolver unha cuestión "de carácter político", sobre todo, "cando o xuízo desenvolveuse sen as garantías esixibles". "Pedimos a liberdade inmediata das presas e presos políticos condenados, así como o libre regreso das persoas exiliadas", engaden.

Esta plataforma denuncia que Cataluña e o conxunto do Estado están a sufrir nos últimos anos "unha regresión de dereitos e liberdades, así como unha xudicialización da política". Por iso, apuntan á necesidade, "neste contexto de erosión de dereitos a todos os niveis" de "fortalecer as garantías democráticas que aseguren o exercicio de dereitos e liberdades fundamentais"

"CONFLICTO POLÍTICO"

"Estamos diante dun conflito político e a resolución do mesmo debe canalizarse a través das vías democráticas, o diálogo institucional e o respecto á vontade democrática da cidadanía manifestada nas urnas", aclaran. E, para iniciar ese diálogo consideran imprescindible que "non existan presas e presos políticos ou persoas que tiveran que ter abandonado Cataluña por ter defendido democraticamente as súas ideas políticas". "Cómpre, xa que logo, impulsar unha lei de amnistía para as persoas condenadas", conclúen.

Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados
Sentenza do xuízo do Procés cos líderes independentistas de Cataluña xulgados | Fonte: EP

No comunicado, lembran, ademais, que en Cataluña existe un amplo consenso (o 80% da poboación quere votar, segundo repetidas sondaxes) para que a resolución deste conflito político sexa a través do recoñecemento democrático a decidir de Cataluña e de todas as nacións do Estado, é dicir, do dereito de autodeterminación. Un dereito, din que "nós apoiamos dende Galiza".

A plataforma cívica 'Galiza pola República e polo dereito a decidir" está integrada pola A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, C.S. Gomes Gaioso, Cultura Aberta de Carral, Acción Antifascista, Anova, BNG, Corrente Vermella, En Marea, Equo, Esquerda Unida, Marea Atlántica, PCG, Podemos, Propolis, Unión Republicana, Galiza Nova, Isca, XCG, CIG, CRMH.

EH BILDU

Por outra banda, o deputado de EH Bildu Oskar Matute condicionou o apoio da coalición soberanista á investidura de Pedro Sánchez á aposta do próximo Goberno "polo diálogo" para canalizar "o conflito territorial", á adopción de medidas de esquerdas e á "profundización en dereitos e liberdades". Ademais, reivindicou o dereito a decidir de Euskadi, Cataluña e Galicia, e pediu que se loite contra "o fascismo" de Vox.

Nunha entrevista a TVE, recollida por Europa Press, Matute afirmou que, antes de que EH Bildu decida a postura na investidura, Sánchez deberá explicar "que quere facer" porque é quen debe "solicitar os apoios e os votos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 SANDS

Dos presos políticos galegos falamos outro día, eh, patriotas... (como "Resistencia Galega nunca existíu, falsas acusacións, criminalización do independentismo galego, etc" os seus presos tampouco existen...). Moita Cataluña, Sáhara e Palestina pero, e Galiza???

1 Gamela

Mira nesto levas toda a razón, se temos unha amnistía para os do 3% que menos que os rapaces de Resistencia Galega vaia pasar o Nadal á súas casas en paz !!!

2 lóstrego

Podemos+eu-equo van de pao. Aquí din unha cousa e en Madride outra

1 Gamela

A que imos a ter que votar por terceira vez ? Admítense apostas !

1 El Ciz

O loboooo