Por Walter Burns | Santiago | 22/07/2012 | Actualizada ás 21:45
"Varios parques entrarán en pérdidas unha vez que se aplique o novo imposto do Goberno Central", advirtiu esta semana patronal Asociación Eólica de Galicia (AEG).
Se hai parques en funcionamento que xa non serán rendíbeis, que pasará cos do último e polémico concurso eólico? Porque cómpre ter en conta que as zonas con máis vento, as máis rendíbeis, xa están ocupadas polos primeiros parques.
U-los empregos prometidos por Feijóo?
A patronal teno claro: "É moi dubidoso que cheguen a instalarse os 2.300 megawatios do último concurso da Xunta, co que Galicia perderá tanto emprego novo como o xa existente". O novo imposto estatal será do 11%, mentres que outras enerxías como as nucleares, pagan o 4%.
Cando o BNG lanzou o plan para os novos parques a eólica era o sector no que todos os constructores querían entrar. Agora a patronal advirte que as promotoras xa en funcionamento non terán diñeiro sequera para devolver os créditos que pediron para as obras, polo que están condenadas a liquidar as máquinas ou malvenderllas a empresas maiores.
Renunciar a parques eólicos galegos
É máis, fontes do sector consultadas por GC, que prefiren manterse no anonimato, aseguran que moitos dos adxudicatarios do concurso do PP, co estatus aínda de adxudicatarios, prefiren non recibir a adxudicación definitiva. E é que entón terían que pagar un imposto á Xunta, aproximadamente un 4% do valor do parque, por uns muíños que, sen as extintas primas públicas, nunha van ser rendíbeis.
Se Feijóo non teimase en tirar o concurso eólico do biparito a situación sería mellor? As citadas fontes négano, pois a actual Administración está a cumplir os seus calendarios. É dicir, as adxudicacións definitivas serán antes de final de ano, ao igual que estaba previsto cando a Consellería de Industria a gobernaba o Bloque. Outra cousa é que quede alguén disposto a operar as novas centrais.
A patronal advirte que os galegos pagaremos máis cara a luz
Con todo, a AEG si ten cousas que botarlle en cara ao líder do PPdeG. En particular o "canon eólico", que na súa opinión contribúe a que moitos muíños galegos deixen de ser rendíbeis. Ademais, a patronal advirte que "precisamente os gravames autonómicos farán que o consumidor galego pague a luz máis cara que o residente no que non existen os recargos".
A Xunta saltou inmediatamente a rebater acusación, grave e inusual nunha patronal, contra o Executivo conservador. A Consellería de Industria non desmente que haxa moitas posibilidades que o concurso eólico remate en papel mollado. Si rebate que os galegos paguemos máis cara a luz. Na súa opinión, a AEG está adiantando acontecementos pois o Estado non decidiu aínda se a taxa galega se sumará á nova taxa estatal e terá que ser repercutida no recibo da luz.
O sector das pequenas operadoras das renovábeis está moi soliaventado contra o PP. Onte máis de 35 patronais de todo o Estado acusaba aos conservadores de por en risco a maioría dos 111.000 empregos do sector. As fontes consultadas por GC apuntan a que o novo tributo fará que as grandes 'papen' ás pequenas operadoras. É dicir, ao final Gas-Natural Fenosa, Iberdrola e poucas máis controlarán todos os parques, instalacións solares, etc.
'After the gold rush' ...
Pasaron os anos, explotou a burbulla do ladrillo, pechouse a billa das primas, e a febre polo vento galego pasou tan rápido como chegou. Os tempos nos que o presidente da patronal montaba ás presas a empresa "Fun polo vento" para sumarse ao pelotón de constructores que facían colas nos depachos de San Caetano á caza de muíños pasaron para sempre.
O que quedarán nos montes, mesmo en espazos protexidos, serán as máquinas, algunhas delas paradas para sempre.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.