Os enxuizados na Operación Jano: “acusamos o regime espanhol de fascista e exigimos a anulaçom do juízo”

Os activistas, para os que piden 102 anos de cárcere, acusan directamente a “Pedro Sánchez e ao seu fiscal” de tentar infundir "medo" entre os disidentes.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/11/2019 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

Os doce encausados na coñecida como Operación Jano, así como as organizacións Ceivar e Causa Galiza denuncian unha “campaña de criminalización” contra o independentismo galego e acusan directamente a “Pedro Sánchez e ao seu fiscal”. Por iso, anuncian a posta en marcha dunha campaña de denuncia pública para acusar ao Goberno español de “fascista e de liberticida” e piden a anulación deste xuízo.

Os activistas independentistas encausados na Operación Jano
Os activistas independentistas encausados na Operación Jano | Fonte: Galiza Contrainfo

Audiencia Nacional pide 102 anos de prisión a 12 militantes de Causa Galiza e Ceivar e tamén solicita a disolución destas organizacións. Esta petición xorde do proceso iniciado en 2015 cando foron detidos 9 militantes de Causa Galiza acusados de "enaltecimiento á banda armada Resistencia Galega" e de ser "o brazo político" da suposta organización armada. Os independentistas foron postos en liberdade días despois.

“A nosa posiçom, despois desta petiçom grotesca de Pedro Sánchez e o fiscal que del depende, vai ser de dignidade e de luita polos dereitos colectivos da Galiza. Nom nos encontrarám atemorizados, nom abaixaremos a cabeza. Ao contrario, desde xa anunciamos umha campaña de denuncia, na que seremos nós que exerzamos a acusaçom”, apuntaron durante unha rolda de prensa que tivo lugar en Vigo.

Por iso, fan un chamado aos distintos sectores políticos galegos e aos movementos sociais a que os apoien nesta nova campaña de denuncias. Un chamado que podería abarcar toda a esquerda e nacionalismo galego que se atopa na plataforma "Galiza pola República e polo dereito a decidir".

Estes doce activistas destacaron que o procezo estivo inzado de “irregularidades”. “Dilaçons do proceso nom motivadas, parálise, incumprimento de praços e, aínda, 2 anos despois, detenhem 3 novas activistas independentistas ligadas ao Organismo Popular Anti-represivo Ceivar”, suliñaron.

E explican estas novas penas contra eles porque “o Estado espanhol está a tornarse un réxime a cada máis fascista, que criminaliza e persegue con sanha calquera tipo de dissidência”. Así, comparan o seu xuízo con outros contra tuiteiros, músicos e humoristas ou contra os dirixentes cataláns por facilitar o dereito ao voto. “Esta generalizaçom da repressom verifica que o réxime xa nin sequera pretende integrar os seus oponentes, mais aposta a súa supervivencia a infundir un medo a cada maior os pobos”, criticaron.

PROBLEMA CATALÁN

Hai uns días, organizacións políticas como Podemos,BNG, En Marea, Anova ou Esquerda Unida coincidían na necesidade de que se libere de que se busquen vías políticas para solucionar o conflito catalán e a liberación dos seus presos políticos. Un conflicto, insistían, que se resolverá tamén co dereito a decidir, a través dun referendum de autodeterminación.

Faciano a través dun comunicado da plataforma cívica 'Galiza pola República e polo dereito a decidir", no que están integradas estas organizacións políticas xunto con outras entidades cívico-sociais, e na que trasladaban a súa solidariedade co pobo de Cataluña e coas persoas xulgadas e condenadas neste proceso, ao tempo que consideran "inxusta e desproporcionada" a sentenza do Tribunal Supremo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta