Ducias de persoas entoan o "Nunca Máis" en Ares para esixir "información transparente" sobre o Blue Star

Urxen a instalación preventiva das barreiras anticontaminación e piden a transferencia a Galicia das competencias de salvamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2019 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Unhas 200 persoas secundaron este venres en Ares (A Coruña) a convocatoria formulada pola plataforma 'Nunca Máis' para esixir "información pública, transparente e detallada" sobre a xestión de accidente do 'Blue Star', encallado na costa deste municipio desde hai unha semana e do que aínda non se extraeu o combustible.

Concentración convocada pola plataforma Nunca Máis en Ares con motivo do encallamiento do Blue Star. IAGO VARELA
Concentración convocada pola plataforma Nunca Máis en Ares con motivo do encallamiento do Blue Star. IAGO VARELA | Fonte: Europa Press

Na protesta que arrincou ás 20,00 horas na praza situada ante o antigo Consistorio deste municipio coruñés, o biólogo Joan Luís Ferreiro foi o encargado de dar lectura a un manifesto a través do que os presentes reclamaron "diálogo permanente coas entidades do sector pesqueiro e marisqueiro eventualmente afectadas".

Ademais, esixiron que as decisións relativas "á protección do ecosistema mariño e da actividade produtiva pesqueira e marisqueira" sexan "públicas" e que non estean "vinculadas aos intereses privados de empresas de salvamento, da casa armadora, nin das aseguradoras". Por iso, subliñaron que "a xestión do 'Blue Star' non pode ser un negocio".

BARREIRAS ANTICONTAMINACIÓN

Nun momento no que o gasóleo e o fuel aínda están no interior do buque accidentado, os manifestantes esixiron a "adopción das medidas precisas para evitar o derrame das 105 toneladas de combustible".

Ademais, pediu que de forma cautelar que se instalen as "barreiras anticontaminación ao redor do buque", así como "skimmers e sistemas de bombeo desde o mar en caso de vertedura".

De cara ao futuro, a plataforma, que xurdiu co afundimento do Prestige fronte ás costas galegas hai 17 anos, solicitou "garantir a dotación de medios, sistemas e protocolos de control de calquera incidente marítimo que se poida producir no futuro" así como a transferencia a Galicia das "competencias en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña".

Así, mentres os presentes coreaban o 'Nunca Máis', o portavoz desta plataforma lamentou que "pese o tempo", cambian as formas,  pero "permanece a esencia española". "Esa de secaño e alpargata que nin entende nin quere entender o mar e as zuecas", manifestou.

Neste sentido, acusou "aos da alpargata de decidir" polos galegos e lamentou que cada vez sexa "máis difícil poder vivir con dignidade do mar".

"O mar biolóxicamente mais privilexiado de Europa resultou ser o mais contaminado de todo o Estado español, xa que somos os únicos que aínda conservamos zonas catalogadas como C, as de maior contaminación microbiológica, por ser os últimos lugares do Estado onde se están aínda construíndo as depuradoras de augas residuais", criticou.

CORREDOR COSTEIRO

Ferreiro censurou que "a Xunta, no seu único papel de fiel executora das decisións de Madrid, invista máis en portos deportivos que en portos para mariñeiros".

"A nosa posición xeograficamente privilexiada tamén ten a súa parte negra, ter diante das nosas costas un dos corredores marítimos de maior tráfico do mundo, onde miles de barcos de todo tipo pasan a diario por diante da nosa costa, incrementando as posibilidades de sinistro", advertiu Ferreiro. "A maior posibilidade de accidentes, maior dotación de medios", esixiu.

Ademais, durante a súa intervención, o portavoz de 'Nunca Máis' lanzou varias preguntas aos asistentes con respecto ao accidente do 'Blue Star'. "Quen toma as decisións?, Quen di que o combustible non é preciso tocalo e ao día seguinte di que é imprescindible a súa extracción?, Por que ten que vir unha empresa holandesa a realizar un traballo que podería ser perfectamente realizado desde aquí cunha empresa pública?", preguntouse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 Infames

Tristes comentarios de Violeta4 e Barracido, expresión dun país alienado, rendido e con un montón de cipaios mortos de fame que comen os restos do amo. Se o barco non estivera aí hai máis dunha semana poderiamos rir, pero aí está e se fose moi grave estariamos fastidiados. Sempre podedes intentar convencernos de que non está e que vemos visións. Auténtica carroña, podredume social, coprolitos doutra era.

1 Sentidiño

Os bandullos agradecidos alármanse cando a súa situación de privilexio pode cambiar. Non é estraño, é o lóxico, o que hai que agardar. Afortunadamente desta vez parece que non vai ser outro Prestige, pero o decente é reaccionar ante o perigo, e esixir as medidas de protección que os Alvarez Cascos de turno van prometer e non aplicar.

3 Alienao

Bla, bla, bla, pero maioría absoluta do PP. Impórtanos un pito o medio ambiente. Só hai que ver ao noso arredor a desfeita que temos. E se verte o buque mellor que apañamos subvencións. Triste pero real

2 Violeta 4

Outro chiringuito da U feliz para sacar tallada.

1 Barracido

Manolo Do Val, debe querer voltar á politica municipal, de onde foi alcalde grazas ós votos do PP