Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2019 | Actualizada ás 14:29
Os votos do grupo maioritario, o PPdeG, bastaron para sacar adiante a lei de medidas de garantía de abastecemento, bautizada como a lei da seca, que, entre outras cuestións, pretende reducir o volume de fugas e mellorar a xestión do ciclo integral da auga, todo iso como vía para combater o cambio climático.
O texto lexislativo foi aprobado definitivamente no pleno que desde a mañá deste martes acolle a Cámara galega, onde os grupos da oposición --que votaron en contra da lei tras ser rexeitadas as súas emendas-- afearon "as présas" para aprobar unha normativa que consideran "unha oportunidade perdida" para mellorar a xestión da auga en Galicia e facer fronte aos períodos de seca que provocará o cambio climático.
A lei de medidas de garantía de abastecemento busca reducir en tres anos as fugas de auga a menos do 20% --as perdas nalgunhas redes municipais alcanzan o 40%--. Para iso, o próximo ano poranse en marcha axudas para a instalación de contadores de caudal, que serán obrigatorios nos puntos de captación e de subministración final para ofrecer información acerca de fugas.
Así mesmo, a nova normativa concede un prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor para que os municipios con máis de 20.000 habitantes --para os de menos é recomendable e non obrigatorio-- elaboren plans de emerxencia fronte á seca. Na actualidade non hai ningún concello que conte con este plan, aínda que a convocatoria de axudas recentemente impulsada pola Xunta rexistrou 80 solicitudes.
Tamén se autorizará aos concellos a realizar expropiacións de terreos ou outras infraestruturas necesarias para cometer obras de urxencia en períodos de seca. Todo iso para "aforrar auga, enerxía e diñeiro aos cidadáns", así como co obxectivo de "blindar Galicia fronte aos desafíos do cambio climático", como expuxo a conselleira de Infraestrutruas, Ethel Vázquez, durante a presentación ante a Cámara do texto lexislativo en outubro deste ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.