Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/07/2025 | Actualizada ás 22:00
Durante décadas, os océanos foron tratados coma vertedoiros invisibles. Fronte ás costas de Galicia, na coñecida como fosa atlántica, arroxáronse entre os anos 70 e 80 milleiros de toneladas de residuos radioactivos en bidóns recubertos de cemento. Foi unha práctica legal, avalada por un tratado internacional que permitía verter ao mar substancias perigosas con certas condicións. O episodio --descoñecido durante anos para boa parte da cidadanía-- marcou un fito na política ambiental española e europea: grazas á presión social, especialmente dende Galicia, e ao impulso do Goberno de Felipe González na causa ecoloxista, logrouse en 1993 que ese tipo de verteduras quedaran definitivamente prohibidas. España pasou entón a liderar unha ofensiva diplomática que transformou a normativa global sobre contaminación mariña.
Aquel logro quedou selado no chamado Protocolo de 1996, que convertiu o Convenio de Londres (1972) nun instrumento moito máis restritivo: prohibíronse todas as verteduras ao mar, agás un pequeno listado de excepcións claramente definidas. Semellaba o fin dunha era de impunidade en alta mar. Sen embargo, hoxe, máis de 30 anos despois, expertos advirten de que esa blindaxe comezou a resquebraxarse, case en silencio e sen debate político. Un deles é José Juste Ruiz, catedrático xubilado de Dereito Internacional na Universidade de València que foi tamén asesor xurídico do Goberno español durante aquela ofensiva. Juste alerta de que o réxime internacional foise debilitando co paso dos anos. "Os Estados foron mudando cousiñas, poñendo parches, buscando válvulas de escape á normativa...", explica.
E, aínda que as verteduras radioactivas seguen vetadas, outras substancias atoparon xa resquicios legais para volver ao océano. A súa análise non é alarmista, pero si fondamente inquedante: a vixilancia científica desactivouse, a presión diplomática desinflouse e os Estados --incluída España-- baixaron a garda. Mentres tanto, os océanos seguen recibindo materiais que poderían non ser tan inocuos como semellan. "Pouco a pouco, un a un, os Estados foron mudando cousiñas na normativa para facela máis proclive aos seus intereses", advirte o experto, poñendo de manifesto a súa "preocupación" por esas fendas e novas excusas legais que se están abrindo para permitir que as nosas augas volvan ser un vertedoiro.
DO LISTADO INVERSO AO RETORNO DOS INTERESES
Tras o escándalo internacional que provocaron as imaxes de activistas de Greenpeace intentando frear a vertedura de bidóns radioactivos fronte a Galicia en 1982, España liderou unha campaña diplomática que culminou en 1993 cunha reforma clave: os residuos radioactivos de media e baixa actividade, que ata entón permitíanse desbotar nas augas con autorización especial, pasaron ao listado de substancias totalmente prohibidas. Tres anos despois, en 1996, adoptouse o chamado 'Protocolo de emenda' ao Convenio de Londres, que mudou radicalmente o paradigma. Dun sistema baseado en listas de substancias autorizadas ou prohibidas, pasouse a unha lóxica de 'listado inverso': toda vertedura quedou prohibida, agás unha pequena lista de excepcións que inclúe unicamente materiais inertes ou de construción.
Un instrumento "esencialmente prohibitivo", en palabras de Juste. Sen embargo, ese muro normativo foise erosionando aos poucos. "Dende 1996 ata hoxe o protocolo foi reducindo a súa intensidade prohibitiva", denuncia o catedrático xubilado da Universidade de València. A presión de certos Estados conseguiu engadir excepcións, abrir válvulas de escape e suavizar o réxime internacional. "Perdeuse ese pulo inicial do ecoloxismo, e España, que no seu día foi o país ecoloxista que liderou esta loita, tamén se sumou ao consenso xeral de que tanta prohibición xa era demasiado", lamenta Juste.
QUEN VIXÍA AGORA O FONDO DO NOSO MAR?
O debilitamento do convenio non é só normativo. Tamén se relaxou a vixilancia científica. Durante os anos nos que se vertían residuos radioactivos na chamada fosa galega --unha depresión oceánica a uns cantos centos de quilómetros de Galicia, onde se depositaron máis de 100.000 toneladas de residos radioactivos entre 1972 e 1982--, existía un programa internacional de monitoreo. Pero este detívose en canto cesaron as verteduras. "Os países que os fixeron deixaron de financiar a vixilancia dos mesmos cando xa non puideron seguir botando máis residuos", asegura Juste, que incide en que "iso non foi racional, terían que ter seguido vixilando a zona, pero non fixeron".
A día de hoxe, ningún país retomou a vixilancia nin se interesou por facelo. Nin sequera España, a pesar de que foi o motor que propiciou o cambio de tendencia hai décadas. "As reunións do Convenio de Londres teñen lugar cada ano e, nelas, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico podería ter estado vixilante e seguir unha diplomacia proteccionista a ultranza, pero tamén o Goberno español baixou a garda neste asunto e sumouse ao consenso xeral das grandes potencias sobre poñer válvulas de esscape ás prohibicións", di Juste. Por iso, o catedrático xubilado da Universidade de València considera que "sería unha boa idea" reactivar algún tipo de supervisión, mesmo a escala internacional, pero recoñece que "abrir de novo unha loita diplomática non semella estar agora mesmo entre as prioridades do Goberno actual".
GALICIA COMO SÍMBOLO (ESQUECIDO)
Todo isto acontece, ademais, nun contexto de desmobilización cidadá. "A opinión pública tampouco se amosa preocupado polo asunto de maneira masiva e, se non empurra o pobo, o Goberno non vai ir cara ningún lugar nin vai tomar ningunha determinación ao respecto", resume Juste. E lembra que foi precisamente a presión social en Galicia --naquel intre clave para o PSOE de Felipe González-- a que convertiu unha cuestión técnica e remota nunha causa de Estado. Hoxe, cando oceanógrafos franceses están volvendo estudar a fosa atlántica galega e se preguntan polos efectos a longo prazo dos residuos que hai nela depositados, o debate retorna. Aínda que tarde, e nun mundo moito máis distraído, a pregunta volve ser pertinente: quen protexe actualmente os nosos océanos?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.